O campo de concentración de Oia situábase nas instalacións do antigo mosteiro da localidade. Malia que a inspección de campos de concentración desaconsellaba a apertura deste centro de confinamento agás “en casos moi extremos” por atoparse “excesivamente illado”, a gran cantidade de presos políticos xerados polas decisións do franquismo obrigou a habilitar este complexo relixioso como campo de concentración.
As edificacións do mosteiro de Santa María de Oia, fundado no século XII e desamortizado en 1835, foron vendidas naquela altura polo bispo de Tui, entrando nunha situación de abandono da que só se recuperaron en parte entre 1910 e 1932 ao alugalo como colexio os xesuítas expulsados de Portugal.
Clausurado o centro educativo, as instalacións, xa moi deterioradas, serán recuperadas como lugar de detención de demócratas e antifascistas de todo o Estado, que deixarán pegada da súa estadía nos debuxos e gravados repartidos polas paredes do complexo, onde ficaron as testemuños das súas convicións, preocupacións e esperanzas. Os primeiros presos políticos chegaron a Oia á volta de 1937.
Segundo sinalou Carlos Meixome, un dos investigadores que máis e mellor estudou este campo, os primeiros reclusos entraron nos últimos meses de 1937, tratándose neste caso de milicianos do exército popular detidos após a caída da fronte norte, volvéndose reabrir, tras practicamente un ano fechado, a comezos de 1939.
As anotacións de Herminio Ramos, alcalde e historiador local de Baiona, permítennos coñecer as chegadas dos primeiros prisioneiros a Oia a través do porto de Baiona, indicando o 20 de febreiro a arribada de 2000 persoas “procedentes de Francia e da fronte de Cataluña, levados en camións para Santa María a Real de Oia”.
A práctica totalidade dos confinados neste campo de concentración ao longo de 1939 serán cataláns que formaban nas unidades voluntarias do exército popular e que conformaban as derradeiras forzas de choque antifascista.
[Podes ler a información íntegra no número 353 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]