O campo de concentración de Figueirido

Foi un dos campos de concentración máis duros da Galiza. Os testemuños orais e escritos achegados polos reclusos ou pola veciñanza da zona coinciden en sinalar o rigor represivo deste centro de internamento, onde a tortura e o maltrato eran unha práctica corrente. Ao cabo, o inferno na terra para os máis de mil prisioneiros políticos que pasaron pola penitenciaría ao longo dos dous anos de funcionamento. Eis un extracto da reportaxe publicada ao respecto no número 364 do semanario en papel Sermos Galiza
f_Figueirido

O campo de concentración de Figueirido instalouse nun cuartel proxectado a finais do século XIX pero que non entrou en funcionamento até 1924. As informacións sobre unha posíbel invasión norteamericana do Estado español, que se estenderon polo conxunto peninsular coincidindo coa guerra colonial en Cuba, Porto Rico e Filipinas, levaron ao Goberno central a promover un ambicioso plan de edificacións militares, co obxectivo levantar toda unha rede defensiva que protexera a costa diante da potencial intervención estranxeira. 

m1_Figueirido

Un vello cuartel proxectado no século XIX

As obras darían comezo con moita lentitude nos anos iniciais do século XX, pero o seu impulso decisivo non se producirá até a segunda década do mesmo, como consecuencia dunha forte campaña das elites da zona, entrando en funcionamento á volta de 1924, co estabelecemento en Figueirido do Rexemento de Artillaría Lixeira número quince. O cuartel entraría nunha fase de deterioro nos anos da II República, reducíndose de xeito importante o seu número de efectivos, até ser abandonado definitivamente en decembro de 1935, ao ficar sen cuberta a edificación, tras levantarse o que ficaba do tellado durante unha vaga de temporais.

O centro de detención de presos políticos entraría en funcionamento en maio de 1938. Se ben foi empregado para encarcerar soldados antifascistas nos primeiros momentos do golpe de Estado, chegando a anunciar o xeneral Aranda, nunha visita a Pontevedra en agosto de 1937, a decisión de convertelo con urxencia nun lugar de reclusión de demócratas, iniciativa saudada polas autoridades locais como grande oportunidade de negocio para a cidade, até maio de 1938 non chegarán a Figueirido os primeiros continxentes de detidos, procedentes na súa maioría de campos asturianos e de Camposancos.

[Podes ler a peza íntegra no número 364 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios