O campo de concentración da illa de San Simón

Foi un auténtico campo da morte. As vellas instalacións levantadas con fins terapéuticos na Illa de San Simón rematarán convertidas a partir do 1 de agosto de 1936 nun campo de concentración, onde morreran cincocentas dezasete persoas ao longo de sete anos. A memoria do centro de reclusión da Illa de San Simón segue á espera de reconciliarse co presente. Eis un estrato da peza publicada no número 376 do semanario en papel Sermos Galiza.
f_7_SanSimon

o 1 de agosto de 1936 as autoridades franquistas abrían un campo de concentración na Illa de San Simón. Segundo Gonzalo Amoedo, as razóns que levaron a esta escolla, en detrimento doutros emprazamentos como a Illa de Ons, foi a proximidade de San Simón aos dous principais centros urbanos de Pontevedra, a súa insularidade, proporcionando un centro illamento pero sen desligarse en exceso dos núcleos de poboación importantes, ou a propia disposición do espazo, que permitía destinar unha área para os prisioneiros, a Illa de San Simón, e outra para os encargados de custodialos, a Illa de San Antón.

As vellas instalacións dispoñían, ao tempo, dunha serie de edificacións, que cun escaso investimento podían ser arranxadas para acoller os reclusos, malia atoparse abandonas desde 1927, ano no que se acordou a clausura definitiva da leprosería, que canda o lazareto foi posto en marcha por volta de 1838 polo comerciante rioxano Norberto Velázquez, destinando á Illa de San Antón os doentes incurábeis e a San Simón os restantes. 

mini_7_SanSimon

Unhas condicións de vida extremas O centro de detención pasaría durante os case sete anos de existencia por tres etapas diferentes. A primeira etapa  corresponderíase cos meses que seguiron ao golpe militar fascista, sinalándose pola extrema dureza da represión física e correspondéndose a comuna de presos con reclusos procedentes das diversas penitenciarías das diferentes comarcas de Pontevedra.

A segunda etapa iniciaríase após a caída da fronte norte en outubro de 1937 e coincidiría co número máis alto de reclusos, momento no que comezan a ser trasladados masivamente á illa soldados do exército popular procedentes da área asturiana e vasca, até o punto de ser necesario instalar barracóns auxiliares e confinalos en embarcacións como Upo Mendi, onde fecharon centos de persoas, maiormente gudaris. A terceira etapa arrancará coa derrota definitiva do goberno republicano e alongarase até a súa clausura en agosto de 1943, ocupando a illa demócratas de todo o Estado, dentro da política de dispersión aplicada polo réxime para separar os detidos das súas familias.

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 376 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]   

Comentarios