Campos do terror

O campo de concentración de Camposancos

Foi un auténtico campo da morte. O antigo colexio de elite levantado polos xesuítas na desembocadura do Miño na segunda metade do século XIX rematará convertido a partir de 1937 nun campo de concentración onde serán fusilados máis de 171 presos políticos. A memoria do centro de reclusión de Camposancos segue á espera de reconciliarse co presente. Eis un extracto da peza, publicada no número 345 do semanario en papel Sermos Galiza.

foto_Campo-de-Camposancos.
photo_camera Camposancos

mini_7A mediados de novembro de 1937 entra en funcionamento o campo de concentración de Camposancos (A Guarda). As instalacións empregadas para recluír os presos políticos correspondíanse cun antigo centro educativo de elite fundado polos xesuítas en 1875, construído na súa estrutura fundamental entre os anos 1877 e 1878 e rematado a finais de 1882.

A edificación, situada na beira da desembocadura do río Miño, estaba conformada por uns suntuosos inmóbeis e unha parcela sen edificar de setenta e un mil metros cadrados, onde chegaron a impartirse durante varios cursos académicos estudos superiores, sendo considerada a día de hoxe como un antecedente das universidades de Deusto e Comillas.

Unha vez que os xesuítas españois se trasladan a Vigo á volta de 1916, o centro pasa a ser rexido polos xesuítas portugueses, que viñan de ser expulsados do país a consecuencia da revolución de 1910, atopándose abandonadas as instalacións en 1936.

O campo de concentración de Camposancos, que permanecerá aberto entre 1937 e 1941, chegará a acoller perto de seis mil presos políticos. Se nos momentos que seguiron o alzamento fascista de xullo de 1936 as instalacións dos xesuítas xa foron utilizadas como centro de detención para a veciñanza do Baixo Miño, non será até os meses finais de 1937 cando apareza confirmado como campo de concentración.

[Podes ler a peza íntegra no número 345 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios