Cambre resgata o Conde de Andeiro

O 6 de decembro de 1383 era asasinado no Palacio Real de Lisboa Joam Fernandes de Andeiro, un dos máis grandes diplomáticos do século XIV europeo, grande estratega e político, ennobrecido co título de Conde de Ourem e que pasaría á historia como Conde de Andeiro, freguesía do concello de Cambre, onde nacera en 1320. O Concello resgatou esta quinta feira, día 6, a súa figura.

ANDEIRO.4

Achegarse á epopea do Conde de Andeiro é iniciar unha viaxe a unha figura fascinante, obxecto a un tempo de mitificación e esquecemento debido á dimensión e incomodidade da súa biografía. Biografía que o Concello de Cambre pretende resgatar do baúl para a divulgar, contextualizar e dignificar, “facendo xustiza a un patriota galego inxustisimamente descoñecido cando non menosprezado”, afirmou na mañá da cuarta feira o concelleiro de Cultura, Dani Carballada.

O conde de Andeiro defendeu no seu momento unha solución atlantista para afianzar e perpetuar a soberanía da Galiza, vinculando o país a Inglaterra, onde residiu como embaixador, e a Portugal, onde chegou a ser unha figura clave e referencial, que pervive a día de hoxe, en grande medida deturpada, no imaxinario colectivo do país. “Baixo a súa iniciativa, A Coruña proclamou Fernando O Fermoso de Portugal rei da Galiza, trasladando a súa corte á capital herculina, que chegou a emitir moeda propia e a manter relacións internacionais plenamente soberanas nun período histórico que só rematou logo do asedio e ataque dos exércitos casteláns, tras a derrota, que non rendición, da Coruña, vencida xa o resto da nación”, explicou o edil de Cultura.
 

Conmemoración

ANDEIRO.3En colaboración coa Asociación Veciñal A Torre de Andeiro, o Concello conmemorou a I Xornada de Irmandade Galego-Portuguesa Conde de Andeiro. Precisamente, a pista deportiva que leva o nome do conde acolleu a primeira hora da quinta feira un repertorio especial de composicións galegas e portuguesas a cargo da banda de música da escola Sementeira de Cambre en compañía do grupo de música tradicional da entidade. Foi un percorrido por séculos de tradición musical, alén de lingüística, común entre ambas beiras do Miño e que rematou co emblemático Grândola Vila Morena.

A continuación, estreouse un pequeno documentario divulgativo sobre a figura do Conde de Andeiro, co obxecto dar a coñecer en apenas 10 minutos os aspectos máis salientábeis da súa vida. A sorpresa da xornada chegou cando ao pé do cruceiro situado nas inmediacións da igrexa de San Martiño fixo aparición o conde de Andeiro, quen, no día en que se facían exactamente 635 anos da súa morte, semellaba estar máis vivo que nunca. Foi posíbel grazas á recreación histórica que realizou o actor e historiador Suso Martínez, que debuxou un percorrido teatralizado pola parroquia e que rematou nos restos da primitiva Torre na que naceu o conde de Andeiro e na que chegou a hospedarse o rei Fernando de Portugal.

A presidenta da asociación veciñal, María José Naya, e os concelleiros de Cultura e de Deporte, Dani Carballada e Brais Cubeiro, amosaron a súa satisfacción polo balanzo positivo dun acto que se prolongou pola tarde cun animado obradoiro para crianzas e coa posterior conferencia a cargo da normalizadora lingüística municipal Alicia Longueira e da historiadora Águeda Rei. A palestra derivou nunha sorte de faladoiro en que se reflexionou sobre o devir de Galiza se trunfasen as teses e proxectos de Andeiro.

Día do Conde de Andeiro

ANDEIRO.5A xornada naceu para ficar, en palabras do Concello de Cambre, “será de agora en diante o Día do Conde de Andeiro”, afirmou Carballada, que dixo sentirse satisfeito por dar a coñecer “unha historia que estaba esquecida e soterrada”. “Nós mesmos, aquí, en Andeiro, sabiamos da Torre e sabiamos da existencia do conde, pero descoñeciamos en grande medida a historia, o seu contexto e a súa importancia, de aí que sexan necesarias iniciativas como esta”, expuxo a representante veciñal.

“Dentro dun tempo o Conde de Andeiro será unha figura popular, moito máis coñecida e valorada dentro e fóra de Cambre, será un atractivo máis, un elemento diferenciador e un factor de orgullo e autoestima para a Galiza toda, ademais dun símbolo da nosa historia común con Portugal”, puxo de manifesto o edil de Cultura ao concluír a xornada.

O tamén concelleiro Brais Cubeiro indicou que "toca primeiramente dar a coñecer máis e mellor o Conde de Andeiro como paso previo para, en vindeiras edicións, afondar e abrir espazos á irmandade, á amizade e ao convivio con Portugal, porque esa é a mensaxe e a filosofía desta iniciativa, consolidar un foro de entendemento e colaboración entre dúas nacións irmás, aberto á participación do tecido asociativo e de axentes sociais e culturais”.

Comentarios