O caderno 'Coñecer' revela quen era o obreiro das Irmandades

O suplemento, que estará mañá na rúa xunto ao teu 'Nós Diario' e ao 'Sermos Galiza' especial polas Letras Galegas, tamén repara na vida de Joaquín Vaamonde nos textos de Pardo Bazán e investiga sobre as orixes do esperanto no país. Tamén trae novidades sobre a heráldica galega.
Un dos temas que vas atopar no caderno desta semana. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Un dos temas que vas atopar no caderno desta semana. (Foto: Nós Diario)

Queres incrementar os teus posíbeis temas de conversa ante calquera encontro social? Non podes perder o caderno Coñecer desta semana, que abrangue cuestións como as Irmandades da Fala, a chegada do esperanto á Galiza e, mesmo, segredos da obra de Emilia Pardo Bazán.

O suplemento de historia e coñecemento de Nós Diario abre este sábado cun artigo de Mercedes Rozas titulado 'A ansiada quimera do artista' e no texto a autora explica o papel de Joaquín Vaamonde Cornide na obra da intelectual coruñesa Emilia Pardo Bazán.

A xornalista Montse Fajardo co tema 'A chama acesa das cartas de Pep' engade un pouco de memoria á páxina falando das incorporacións de familias galegas á querela arxentina contra o franquismo. Ese espazo de invitación a ler o resto do caderno inclúe 'Repil, abril 1949', unha reflexión de Paula Verao.

A primeira reportaxe ampla, escrita por Carlos Meixome, explica 'Quen é o da última fila, o da esquerda? O obreiro das Irmandades'. Así conta que neste colectivo non só se daban cita os intelectuais da Galiza senón que tamén había espazo para xente máis do común como Xosé María Calviño Mariño. As páxinas recollen detalles sobre a figura deste irmandiño moito máis descoñecido para a poboación galega.

O historiador Xosé Álvarez Castro propón reflexionar coa súa opinión 'Pervivencias contrarrevolucionarias'.

O experto en heráldica Héitor Picallo -autor do coleccionábel sobre a apaixoante arte dos blasóns- regresa ás páxinas de Nós Diario co tema 'E Galiza de novo en Portugal'. Nel conta como o escudo galego está presente en documentos lusos do século XVI. Ademais, o escritor Lois Diéguez remata a dupla central co texto 'O Lago Bafa en Latmos'.

Por se semellaban poucos temas, Eliseo Fernández analiza 'O esperanto nos inicios do século XX na Galiza' e conta como apareceron os primeiros seguidores desta lingua. Pola súa banda, a xestora cultural Silvia Fiallega opina sobre a 'Competencia cultural'.

Na contracapa, vas atopar un Quen fai que compartido polo arqueólogo Antón Malde, o artista Suso Basterrechea e a torre de Caldaloba, na Terra Chá. Este sábado o Selfie é para o historiador naval Fernando Patricio Cortizo.

Apetéceche gozar destes contidos? É ben fácil: só tes que acudir mañá ao teu quiosque ou mercar Nós Diario -e o Sermos Galiza sobre Xela Arias- na nosa tenda en liña. Mais non deixes de facer a subscrición, que todo é aínda máis sinxelo!

Comentarios