A A.C. Vagalumes muda o nome da rúa Capitán Bernal pola dos Mártires da Estrada

A Asociación Cultural Vagalumes realizou na mañá do domingo un acto simbólico no que lle mudou o nome á rúa Capitán Bernal pola denominación dos Mártires da Estrada, en honor á Corporación municipal asasinada no franquismo.

Momento no que se mudou o nome da rúa
photo_camera Momento no que se mudou o nome da rúa

O 5 de xuño de 1937 eran fusilados á beira do río Lérez, en Pontevedra, o que fora alcalde da Estrada, Jesús Ignacio Puente Fontanes, os tenentes de alcalde, Ramón Fernández Rico e José Rodríguez Sangiao e os veciños José María Pena López, Manuel Nogueira González e Cándido Tafalla Froiz. A Corporación municipal lexítima deixara unha carta antes do seu fusilamento na que expresaba a súa derradeira vontade: dedicar unha rúa aos Mártires da Estrada.

A Asociación Cultural Vagalumes colleu a luva dos fusilados pola ditadura franquista e na mañá do domingo realizou un acto simbólico na Estrada que consistiu en mudar o nome da rúa Capitán Bernal, fascista que enviara a orde de incendiar o municipio á Garda Civil no caso de que o pobo non se rendese, pola de Mártires da Estrada. “Hai máis dunha década que se aprobou en pleno a retirada do nome de Capitán Bernal, mais o certo é que se conserva o rótulo e mantense o mesmo nome como referencia desta rúa a todos os efectos”, explícannos desde a asociación en declaracións a Sermos Galiza.

"Os diferentes alcaldes que se sucederon no noso concello non fixesen honra do cargo que ostentaban ao desoír un dos seus antecesores que foi tan inxustamente inmolado"

A entidade reitera a necesidade de “cumprir a derradeira vontade dos representantes democráticos do noso pobo que foron fusilados o 5 de xuño de 1937 no sentido de que se lle dedicara unha rúa co nome Mártires da Estrada”. Trátase, din os membros da asociación, dunha “petición de xustiza, tendo en conta o sacrificio que eles sufriron polo ben do noso Concello”. Lamenta a A.C. Vagalumes que “os diferentes alcaldes que se sucederon no noso concello non fixesen honra do cargo que ostentaban ao desoír un dos seus antecesores que foi tan inxustamente inmolado”.

Para recuperar a memoria da Corporación e veciñanza fusilada, esta asociación cultural conmemora cada 5 de xuño o Día dos Mártires da Estrada. “Coincidindo con esta data, acordamos exercer as funcións que lle corresponde á institución municipal, e das cales se inhibe, e rectificar o nome desta rúa”.

Comentarios