O grupo de Memoria Histórica da Eurocámara apoia a marcha cívica deste sábado en Meirás

O grupo de traballo memorialístico defende a devolución de todos os bens incautados polo franquismo

Vista meirás eurocámara 2018
photo_camera Visita a Meirás en 2018 de eurodeputados e eurodeputadas que fan parte deste grupo.

O grupo de Memoria Histórica do Parlamento Europeo apoia a marcha cívica que terá lugar este sábado, 19 de xuño, en Meirás. “O pazo de Meirás é un referente simbólico indiscutible na loita en favor da memoria histórica europea e na loita contra o espolio levado a cabo polo franquismo, polo que a celebración desta marcha tres anos despois da nosa visita ao pazo ten un valor moi especial”, manifestan desde o grupo de traballo da Eurocámara. Así informa o BNG - integrado nese grupo a través da súa portavoz en Europa, Ana Miranda – mediante un comunicado.

No marco da devolución do pazo de Meirás, o grupo de Memoria Histórica da Eurocámara quere recoñecer o traballo desenvolvido pola Iniciativa Galega pola Memoria, colectivo que aglutina aos colectivos de memoria histórica de Galiza, e por suposto do investigador Carlos Babío, quen xunto ao historiador Manuel Pérez Lorenzo, é autor do ensaio “Meirás. Un pazo, un caudillo, un espolio”.

Neste sentido, o grupo de Memoria Histórica da Eurocámara, -integrado por eurodeputadas de distintos grupos e Estados-, ten expresado o seu firme apoio non só á devolución do Pazo de Meirás, senón tamén ao resto de bens incautados polo franquismo, como a Casa Cornide, así como a reparación ás vítimas.

Este grupo de traballo ten desenvolvido diversas iniciativas neste sentido, como a visita ao pazo o 3 de maio de 2018, onde os eurodeputados e eurodeputadas puideron constatar que é un espazo no que constantemente se fai apoloxía da ditadura, ou a proxección na Eurocámara, en xaneiro de 2020, do documental O Silencio de outros, dirixido por Almudena Carracedo.

No grupo, ademais do BNG, hai representantes de formación como Podemos, ERC, EH Bildu, PSOE, entre otros.

Comentarios