Bueu homenaxea Johán Carballeira no 80 aniversario do seu asasinato

O alcalde galeguista de Bueu foi fusilado o 17 de abril de 1937 en Monte Porreiro. A Asociación de Amigos que leva o seu nome organizar para esta segunda feira, 17, varias actividades.

johan carballeira

A Asociación de Amigos Johán Carballeira organiza unha serie de actos para esta segunda feira, 17 de abril, para comemorar o 80 aniversario do asasinato polo fascismo do alcalde de Bueu, Johan Carballeira, así como de Manuel Graña, Avelino Chapela Soliño e Manuel Chapela Couso.

Os actos comezarán ás 19:00 horas cunha ofrenda floral no cemiterio pontevedrés de San Amaro, onde descansan os restos. Ás 20:00 horas está programada unha ofrenda no porto de Bueu, no monumento a Johan Carballeira. E media hora despois (20:30), no Centro Social do Mar terá lugar a presentación do libro ‘Mortos por amor á terra. A represión sobre o nacionalismo galego (1936-1950)’, de Xosé Ramón Hermida, editado por Sermos Galiza.

Como se recolle neste libro, Xosé Francisco Gómez de la Cueva. (Vigo 1902, Pontevedra1937). era coñecido polo seu pseudónimo de  Johán Carballeira, polas súas colaboracións con El Pueblo Gallego, onde acadaría una grande notoriedade. Militante do Partido Galeguista, membro do seu Consello Nacional en representación da zona de Pontevedra, candidato á facer parte das listas nas eleccións de febreiro de 1936, secretario da agrupación local de Bueu e alcalde desta última localidade.  O 18 de Xullo de 1936 atopábase en Madrid a onde acudira con outros representantes políticos do País a entregar ás Cortes o texto do Estatuto e a realizar xestións da alcaldía, de volta a Bueu o día 20 ponse ao fronte da resistencia ordenando a requisa de armas, o control de elementos reaccionarios ou colaborando coas organizacións obreiras na convocatoria da Folga Xeral. Destituído como é detido en Cangas o 15 de setembro cando preparaba a súa marcha. Será xulgado o 29 de decembro de 1936 canda outros 17 veciños de Bueu sendo condenado a morte. Foi fusilado o 17 de abril de 1937 en Monte Porreiro.

Comentarios