Bruno Rúa xestiona o grupo de Facebook “Tamagania, o país do Alto Tâmega”

Bruno Rúa: "Cando comecei co grupo, había catalogados 36 petróglifos e a día de hoxe xa hai 338"

Bruno Rúa estudou Filosofía pola rama de Antropoloxía e Metodoloxía Científica. O interese por coñecer o patrimonio material e inmaterial da comarca de Monterrei levouno a percorrer todas as súas aldeas seguindo os pasos de Taboada Chivite. Deixou constancia gráfica de numerosos elementos pouco coñecidos trasladándoos ao grupo de Facebook que xestiona, “Tamagania, o país do Alto Tâmega”, que conta na actualidade con máis de 
5.000 membros. 
A intención de Bruno Rúa pasa por espallar o coñecemento da comarca de Monterrei. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A intención de Bruno Rúa pasa por espallar o coñecemento da comarca de Monterrei. (Foto: Nós Diario)

Avante Pouca

De onde lle veu o interese por coñecer as aldeas da comarca?

Cando creas unha páxina deste tipo ao obxectivo inicial engádeslle moitas cousas polo medio. No meu caso, hai 17 anos cadroume ter seis meses nos que non tiña traballo. Collín as obras de Taboada Chivite coa decisión de coñecer os lugares que se trataban nelas. Quixen facelo dunha maneira metódica e levaba unha libreta, unha cámara de fotos, preguntaba o nome dos lugares. Polo camiño aprendín outras cousas que non tratara Taboada Chivite. Pensei que desde a súa morte, hai case 50 anos, non se engadira nada ao coñecemento desta comarca. Decidín poñerme a facelo eu, mais sen ter a intención de compartilo de maneira pública. En realidade era unha motivación egoísta, quería sabelo para min. Cando o volume de datos medrou, animáronme a compartilo e editei un libriño, a Guía arqueolóxica do Alto Tâmega, que non tiña moitas pretensións. 

Avante Media 

Como naceu o grupo de Facebook "Tamagania, o país do Alto Tâmega"?

Cando chegou o Facebook e eu, aínda que era remiso, decateime de que as redes sociais eran importantes para difundir a mensaxe. Deime de conta a través do que aconteceu co castelo de Monterrei e coa idea de recuperalo para a xente. Colaborei levando a páxina e vin que se lle podía sacar máis partido e que podía ir máis alá da reivindicación. Internet para min é unha ferramenta e hai que sacarlle o bo. Após enquistarse o problema do castelo, seguín a miña propia vía e creei "Aldeas de Monterrei". Non quixen chamarlle comarca de Verín ou de Monterrei, que nunca me convenceron. 

Busquei un nome que englobase o histórico, o xeográfico e o político e ocorréuseme que o máis importante dunha comarca era o río, neste caso o Támega.

Sabemos da existencia dos Tamagani, a tribo que dominaba estas terras antes da chegada dos romanos, que pasou a darlle o nome á paxina. Ademais quixen que fose aberto para que houbese participación. No fondo, unha páxina deste tipo ten que ter tamén un obxectivo social, algo pedagóxico e práctico a un tempo. 

Acabo de rematar unha segunda xeira por todas as aldeas e con todas elas fixen unha serie de categorías. Agora mesmo estou publicando aldea por aldea e comezo pola arquitectura tradicional e popular, paso polas construcións da auga, como poden ser muíños, fontes ou lavadoiros, até a industrial, na que trato forxas ou fornos para rematar a visión completa da aldea a nivel patrimonial. Tento non pararme moito en cada tema por cuestións de tempo e engado  unha parte de datos históricos e calquera achega á tradición oral que me foron achegando.

Avante Toda

Que satisfaccións lle trouxo este grupo nas redes? 

Para min moi positivo. Algunha vez, indo polas aldeas, a xente comentábame que coñecía as miñas publicacións, mesmo persoas de idade. É o obxectivo social que tamén ten a páxina. Cando ven que o teu afán é o coñecemento, o seguinte paso é que te convidan a ver elementos patrimoniais que non coñecerías doutra maneira. Logo vén a divulgación. Moita xente non sabía que había algo máis que o castelo. Descobren que se pode facer “turismo” en trinta quilómetros ao redor. 

Sei que logo de ver a páxina, moita xente vai visitar os lugares que se mencionan. Outra satisfacción foi que, cando comecei, había 26 petróglifos catalogados e a día de hoxe xa hai 338. É a constatación de que non se buscaron. Amplificouse o coñecemento da nosa propia comarca e conseguiuse animar a xente.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios