Sátiras e críticas nas redes sociais polo "espolio" dos Franco detectado en Meirás

A publicación do contido do inventario realizado por técnicas da Consellaría de Cultura levantou unha gran polémica entre a cidadanía pola extensa lista de tesouros agachados no Pazo de Meirás durante décadas.
A Garda Civil custodiou o pazo para evitar que os Franco retiraran os bens. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
photo_camera A Garda Civil custodiou o pazo para evitar que os Franco retiraran os bens. (Foto: M. Dylan / Europa Press)

A revelación de que o inventario practicado no pazo de Meirás por orde da Xustiza deu con case 700 pezas consideradas importantes para o patrimonio público -unha nova compartida por todos os medios de comunicación- acabou por converter a propiedade do municipio de Sada nun dos temas do día nas redes sociais e mesmo en Trending Topic en Twitter.

Co alcalde de Sada, Benito Portela, asegurando que o documento é “incompleto, impreciso e omisivo”, nas redes víronse críticas moito máis duras e até sátiras da situación.

Unha usuaria pediu: “Carmencita que leve as fotos do avó e demais exemplares e que deixe todo o demais”. “Os profetas Abaham e Isaac, da Catedral de Santiago, volverán a ser de todos. Ladróns, fillos e netos de ladróns e golpistas asasinos, nin cen anos de perdón”, completaba antes de engadir o cancelo de Meirás.

Outros participantes neste debate público indicaban que o recollido polas especialistas da Consellaría de Cultura era “interesante, mais sen sorpresas” porque xa agardaban algo como o sucedido. No entanto, louvaron o traballo de Patrimonio Nacional co seu escrito sobre a titularidade dos bens.

“Levo dúas horas seguidas lendo o inventario de bens do pazo de Meirás. Duro competidor lle saíu ao catálogo de Ikea”, ironizou outra persoa, rebaixando o ton grave desta ocultación. 

Comparacións

Outra autora engadiu “Meirás ten dentro tanta riqueza cultural que con só vender unha cadeira vivían dez anos. E para máis inri todo é patrimonio nacional, nin sequera é deles”.

Houbo quen opinou que este tipo de comportamentos son os que defende “a ultradereita franquista, non o esquezamos”. E mesmo comparativas: “E a monarquía do pazo de Marivent, okupación idéntica ao pazo de Meirás”.

Neste cruce de opinións a través das plataformas sociais, e lembrando que a familia do ditador intentou sacar propiedades do inmoble antes da entrega provisional ao Estado, tamén houbo tempo para preguntar que sucede coas “fincas e casas que lles quitaron aos veciños”.

No capítulo de peticións de futuros usos xurdiu a proposta de fornecer un “albergue para xente sen fogar”.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios