venres 18/09/20

Brindar polo pobo soberano

Eduardo Pondal
Eduardo Pondal

Marzo está aí, para chegar e entrar nas nosas vidas. Como entrou na de Eduardo Pondal cuxa vida está marcada por dous días de marzo, mediando entre eles sesenta e un anos. Un é o domingo día dous do ano 1856. Nese día tivo lugar na carballeira de Conxo un Banquete Democrático que sentou á mesa patróns e operarios, servidos polos estudantes da Universidade. Era unha maneira de pór á vista, de visibilizar  os ideais de liberdade, fraternidade e necesaria unión de clases sociais imprescindíbeis para o bon fin dos procesos revolucionarios.

O xantar reuniu parte dos protagonistas que, a nivel literario, encheron con letras grandes o Rexurdimento, por máis que o galego non fose aínda en marzo de 1856 a norma en materia de criación literaria. Entre eles Rosalía, Aguirre e Pondal, autores estes últimos, xunto a Luís Rodríguez Seoane, dos textos que provocaron “grande espanto” na imprensa da época e estiveron a piques de enviar Pondal e Aguirre de turistas forzosos para as illas Marianas.

“... brindo por el pueblo soberano,
y a quien acate, libre como el viento,
el vuelo del humano pensamiento” dixo Pondal

Captura de pantalla (41)O outro foi a quinta feira 8 de marzo de 1917 en que morre na Coruña. Entre un e outro, como lembra El Correo Gallego na necrolóxica de 9 de marzo, tres cuartas partes  da vida dun home que “amaba a Galicia con la pasión de un obseso” porque a quería libre, emancipada e forte como nos vellos tempos. 

Libre, emancipada e forte. Así é tamén como hoxe a queremos. Brindemos pois polo pobo soberano.


 

comentarios