Vicente: o outro Bóveda

Na última noite da súa vida, Alexandre Bóveda escribe, entre outras,  unha estarrecedora carta a un seu irmá. Diríxea a Vitín, nacionalista coma el, leal xa para sempre a súa memoria. Vicente Bóveda, Vitín,  padeceu tamén a represión nunha vida marcada polo golpe militar que o levou a prisión e deixou fonda pegada na súa biografía até a súa morte en 1958. Na véspera do Día de Galiza Mártir achegámonos ao outro Bóveda, ao descoñecido e esquecido Vitín. 

Vicente Bóveda Iglesias será sempre para nos Vitín. A memoria que é selectiva, como selectiva foi a represión, deixounos gravado a ferro aquela carta que o protomartir lle remitiu ao seu irmán desde o corredor da morte da Prisión de Pontevedra ás 5 e cuarto da mañá daquel tráxico 17 de Agosto de 1936. Si estamos a falar de Vicente Bóveda Iglesias, fillo dun carpinteiro, tamén emigrante, e dunha costureira, galego do Polvorín ourensá, un máis, que non un calquera, da xinea dos Bóveda. Ao fin este noso Vitín, irmán no sangue e na loita de Alexandre, que un día se perdeu na escuridade da longa noite de pedra. Este outro Bóveda patriota, leal coa memoria de Alexandre, represaliado e resistente, un mártir vivinte que diría Martí, antifascista e comprometido co legado do nacionalismo de lei, segue a moverse na clandestinidade, nun territorio de sombras, nun mundo de espellos que tenta distorsionar a súa faciana non asimilábel e conflitiva. En definitiva compre poñer branco sobre negro a traxectoria de Vicente Bóveda Iglesias, unha experiencia vital cuarteada en dúas sen que deixe ser persoa dunha peza, unha biografía aínda á busca de máis preguntas que respostas, unha vida que é necesaria espallar para saber e explicar un pasado que é de nos; porque atopar a Vitín, entender a Vitín é chave, en tanto parte dun proceso histórico, para comprender o que representou a ditadura como elemento retardatario do proceso de liberación nacional e clarificar o papel do terror, en tanto consubstancial ao fascismo, como xeito de institucionalización dun réxime. Isto é, estamos diante algo máis que dun exercicio moral, a xustiza histórica cun dos nosos, que xa tería a súa importancia, enfrontamos no fondo a descubrirnos como parte dun movemento que vai máis alá porque ven de máis atrás que a nosa propia biografía.

"Este outro Bóveda patriota, leal coa memoria de Alexandre, represaliado e resistente, un mártir vivinte que diría Martí, antifascista e comprometido co legado do nacionalismo de lei, segue a moverse na clandestinidade, nun territorio de sombras, nun mundo de espellos que tenta distorsionar a súa faciana non asimilábel e conflitiva".

Falar de Vitín é falar de Alexandre posto que as súas foron vidas parellas. O pequeno dos Bóveda, nacido en 1905, após rematar os estudos primarios, curso por libre, preparándose na academia Villar de Ourense e examinándose na escola de Escola de Altos estudos mercantís da Coruña, a peritaxe, o profesorado e a intendencia mercantil. Unha vez rematada a súa formación académica continuará vinculado ao centro de ensino dos irmáns Villar, primeiro como docente e posteriormente, a partir da morte de Don Saturnino Villar, como director do mesmo até 1940. Só durante uns meses en 1931, coincidindo co período no que Alexandre e posto ao fronte da comisión promotora de Caixa Pontevedra, abandona profesionalmente o maxisterio para colaborar co seu irmán na tarefa de dotar ás comarcas de Pontevedra dunha institución de crédito de carácter social. Fiel ao libro do estilo da militancia nacionalista anterior a Guerra Civil, o seu traballo abrangueu tanto a esfera interna como externa sen deixar de lado a labor doutrinal. Así en 1932 aparece xa como orador no seu primeiro mitin, segundo informa o propio Alexandre nunha carta, na parroquia de Lobeira, percorrendo a totalidade das terras ourensás e do sur de Lugo como unha das voces autorizadas e publicas do nacionalismo. Non podemos deixar de referir pola súa significación a participación no Mitin das Arengas de 1934 e de 1935, na grande concentración das Mocidades Galeguistas en Celanova en Outono de 1935 do que dá conta o “Guieiro” e no que participan tamén Illa Couto, Celso Emilio Ferreiro, Xosé Velo e Francisco del Riego. Agora ben, pola súa intensidade é de destacar a participación na campaña electoral de Febreiro de 1936 e do Estatuto, onde atopamos en Carballedo e Chantada con Anxel Fole, en Monforte e Sober con Don Ramón Otero, en Celanova e no Irixo con Leuter Salgado, en Maceda e Allariz con Benigno Álvarez. Naqueles momentos finais do período republicano, con tan só 27 anos, xa aparece como unha referencia pública do nacionalismo alén do espazo ourensán e xuvenil, destacando pola súa oratoria pedagóxica, máis rica en dados que en figuras retóricas, e cun conteudo de fonda preocupación social. Home de acción, en 1934 é elixido membro do Consello Nacional da Federación de Mocidades Galeguistas sendo o primeiro secretario da súa agrupación ourensá, agrupación que xunto coa de Celanova era na altura a máis numerosa do país e tamén das máis activas até o punto de contar entrado o ano 1935 cunha coral, un grupo de teatro e mesmo un club de fútbol, o Breogán CF. Xa en 1935, coincidindo coa II Asemblea das Mocidades, é nomeado Secretario Técnico da Comisión Executiva, facendo parte daquel triunvirato de ouro con Xosé Velo, secretario xeral, e Celso Emilio Ferreiro, Secretario de Organización, que farían da organización xuvenil unha potente estrutura para acción política só comparábel no campo da mocidade á JSU. Se ben até Xuño do 36 permaneceu na dirección executiva das Mocidades, ao longo deste ano vaise desvincular do traballo xuvenil, aparecendo en Xaneiro como Secretario de Organización do Partido Galeguista en Ourense que seguía presidido por Peña Rei, pero en proceso de renovación como resultado da desafección das tarefas directivas dunha parte da militancia do período fundacional. Tocoulle vivir unha etapa convulsa para o nacionalismo é non ficou á marxe, combatendo coa mesma enerxía a aqueles que pretendían situar ás Mocidades

"Home de acción, en 1934 é elixido membro do Consello Nacional da Federación de Mocidades Galeguistas sendo o primeiro secretario da súa agrupación ourensá"

fóra da órbita ideolóxica do Partido Galeguista como daqueles outros que remataron por esgazar o Partido para conformar a Dereita Galeguista ou que ficando tentaban boicotear a liña maioritaria. No seo das Mocidades destacouse como o principal puntal no confronto contra o grupo vinculado a Risco e Filgueira que no nome da suposta pureza ideolóxica e da autonomía da organización xuvenil en relación co Partido pretenderon primeiro que as mozas e mozos nacionalistas non apoiaran as candidaturas da Fronte Popular e que posteriormente tentaron boicotear a campaña do Estatuto. Sendo a súa unha posición minoritaria dentro do Partido Galeguista en Ourense, converteuse na referencia de quen defendía a pluralidade do mesmo pero desde o respecto a liña maioritaria, actuando, se se quere de xeito máis gráfico, como a persoa de Castelao, Bóveda e Víctor Casas naquela agrupación de Ourense. Aínda así é necesario indicar as súas elaboración doutrinais que atoparan acollida fundamentalmente en “A Nosa Terra” e onde destacan, na liña dos traballos de Alexandre Bóveda, as súas análises sobre as necesidades dunha autonomía financeira para Galiza, ou sobre unha fiscalidade que grave as rendas e ao capital fronte ao traballo e tamén sobre a débeda pública. Nun momento no que a presión da débeda pública era un dos grandes problemas que tiña que enfrontar o Goberno e por conseguinte a sociedade, o pequeno dos Bóvedas dislocase cunha tese orixinal na que propoñía a territorilización da débeda e que as galegas so tivesen que pagar aquela que se xerara no noso País A formulación que foi desenvolta en varios artigos xornalísticos sería asumida en 1935 como posición oficial do Partido Galeguista  e utilizada con profusión nos argumentarios e tamén polos voceiras do mesmo, dando tamén orixe posteriormente a varios traballos de Alexandre e Paz Andrade sobre o asunto. Días de loita, esperanza e ilusión que por mor do Alzamento Franquista se tornaron en xornadas de morte, paixón e loito. O asasinato de Alexandre, a súa detención o 17 de Agosto cando acudía a velalo a Pontevedra e o seu segundo ingreso en prisión por tres meses, nin o o último nin o primeiro pois xa fora detido como consecuencia da Revolución de 1934, a morte do pai un ano máis tarde, a eliminación física e o exilio dunha manchea de parentes, amigas e irmás, represión, cadea, silencio.

"Vencido pero non derrotado. Tocaba continuar, fiel a aquela sorte de rogatorio/voz de orde que a xeito de carta lle remitira Alexandre minutos antes do fusilamento". 

Vencido pero non derrotado. Tocaba continuar, fiel a aquela sorte de rogatorio/voz de orde que a xeito de carta lle remitira Alexandre minutos antes do fusilamento. Había que seguir camiñando polos nenos, polos vellos e polas cousas nas que se acreditaba. Non merecía vivir por un pero era necesario vivir para outras. Vicente Bóveda participa na reorganización na clandestinidade do nacionalismo, reúnese xa en 1939 con Peinador e del Riego, é complice dos intentos de Valenzuela e Velo e acude ao congreso de recostitución do Partido Galeguista na clandestinidade en Coruxo onde elexido membro do Comité Executivo do mesmo e responsábel da organización para a zona do Ourense. Aínda en 1950 aparece como un dos dirixentes do Partido en Ourese, facendo pate xunto a Leuter G. Salgado e Baldomero Gallego do núcleo que na cidade das Burgas se reune con Xosé Bieito Abraira que na súa condición de Delegado do Consello Galiza manten contactos con representantes da totalidade dos grupos do Partido Galeguista actuantes na Peninsula. Porén xa non participa na constitución de Galaxia, a pesar de que a visita de Abraira coincide temporalmente con esta en Xullo de 1950, polo que é de supor que as discrepancias coa liña que o grupo nucleado arredor de Piñeiro lle imprime o nacionalismo explican a súa desvinculación da práctica militante.

"Á altura de 1943 funda a academia de estudos mercantís “Centro de Ensinanza Bóveda” situada na ourensá Alameda do Cruceiro, onde se forman centos de persoas e onde se acubillan un bo grupo de ensinantes represaliados".

Á altura de 1943 funda a academia de estudos mercantís “Centro de Ensinanza Bóveda” situada na ourensá Alameda do Cruceiro, onde se forman centos de persoas e onde se acubillan un bo grupo de ensinantes represaliados. A academia de Vicente Bóveda deu pasantías a homes e mulleres que se examinaban por libre para peritaxe e profesorado mercantil na Escola de Comercio de Ourense ou da Coruña e preparou con moitísimo éxito a opositores para diferentes ámbitos da admistración. Canda el, impartiron docencia outros resistentes, que souberon da súa solidaridade como o poeta nacionalista Luís Acuña, o historiador e dirixente de “Izquierda Republicana”posteriormente exiliado Alberte Vilanova, o Ernesto Gómez del Valle, irmán do poeta comunista Uxio, que contaría nas paxinas do “Vieiros” de Soto e Velo o fusilamento daquel, o Raul González, dirixente do ATEO no Ribeiro condenado a morte que recadaría ao pé do Vicente após 7 anos de cadea, ou o Luís Ocampo. A academia da Alameda do Cruceiro, que dirixía e da que era propietario Vicente Bóveda, foi máis que un centro de ensino, ou un espazo de liberdade para os represaliados era un facho de cultura que contaba con corais, equipas de fútbol e mesmo con publicacións propias. Aínda así non foi quen de librarse do malfado dos Bóvedas e veuse sometido a unha tripla represión. A primeira, daqueles que un día foron irmáns e que renunciaran ao proxecto do Partido Galeguista, para reconvertilo ao culturalismo, o mesmo que Risco defendía xa no periodo republicano, e que os Bóveda combateran. Non quixo ser un mozo turco do 36 é a máis un Bóveda era un carga demasiado pesada, posto que obrigaba a lembrar a traxedia fascista e non deixaba sitio para unha manipulación apoliticista do que foi o nacionalismo. Máis unha segunda represión, que tiña a súa orixe en que o Vicente Bóveda non era un adicto ao réxime e o réxime non podía tolerar disidentes agás que estes rematasen por integrarse. Non é casual que téndose presentado a ducias de oposicións da admistración o seu alumnado aprobase non sendo el quen de superar as probas. Pero hai unha terceira represión, aquela represión que provocou a experiencia terrorista do 36, querían provocar o terror, e a atmosfera da sociedade franquista e que rematou coa morte de centos de galegos por fenómenos de exclusión social e por patoloxías psiquiátricas.A dia hoxe fica por estudar aínda, as mortes que o fascismo torneou a xeito de suicidio, fame, alcolismo,...

Era 7 de Marzo de 1958 e a vida chegaba ao seu fin. 

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios