UNHA ESCOLMA DO PAPEL

Por que Bóveda habendo un Lorca?

Celebración do Día da Galiza Mártir en Bos Aires presidida polo busto de Bóveda e na que está presente Castelao
photo_camera Celebración do Día da Galiza Mártir en Bos Aires presidida polo busto de Bóveda e na que está presente Castelao

Hoxe, cos datos que temos, resulta evidente que Bóveda quixo xogar a súa última baza política a prol do país ao optar por se inmolar á beira dunha morea anónima de pobo e dotar a causa galega dun referente indiscutíbel de loita pola liberdade, fronte á idea que se pretendía proxectar dunha Galiza voluntaria e entusiasta amante da súa escravitude. Dalgún xeito, non fuxiu nas ocasións que se lle presentaron -fronte aos consellos que transmitía aos demais- porque pretendía prolongar co seu sacrificio o seu labor de organización do país con entidades propias (políticas, sindicais, económicas e institucionais), ou como diría diante do tribunal que o condenou: “Se non podo seguir traballando máis por ela, gustaríame morrer pola miña Patria”.

En definitiva, Bóveda quixo ser usado politicamente para contribuír ao proxecto que daba sentido á súa vida. E Castelao así o entendeu. E por iso creou o Día da Galiza Mártir.

Bóveda quixo ser usado politicamente para contribuír ao proxecto que daba sentido á súa vida. E Castelao así o entendeu e por iso creou o Día da Galiza Mártir

Walter Benjamin fai referencia nas súas Teses de filosofía da historia ao sentido das conmemoracións en dúas direccións que semellan contraditorias. Por unha banda, o disparar contra os reloxos dunha revolución que máis que representar unha evolución lineal supón unha rotura do contínuum da historia. Por outro lado, lembra como os xudeus que tiñan prohibido adiviñar o futuro si tiñan obriga de conmemoraren o pasado, de repetiren o pasado. Remata dicindo: “Mais non por iso se convertía o futuro para os xudeus nun tempo homoxéneo e baleiro. Xa que cada segundo albergaba unha pequena porta pola que podía entrar o Mesías en calquera momento”. Mais, é coherente entendermos a conmemoración como a inauguración dun calendario novo, posta a cero dos reloxos, e ao mesmo tempo como unha volta á antigüidade remota pois, en definitiva, o mellor futuro é aquel que máis se lle parece ao pasado anterior, ao comezo da opresión. Mais, sobre todo, para un marxista como Benjamin o que se pretende na conmemoración é rachar coa imaxe burguesa do tempo como homoxéneo e baleiro: “A historia é obxecto dunha construción cuxo lugar non está constituído polo tempo homoxéneo e baleiro, senón por  un tempo pleno, tempo-agora”. Nun tempo desas características a conciencia nacional e de clase disólvese no solipsismo individualista. A acción colectiva pulverízase e o inimigo, máis feble fronte ao grupo, vence doadamente ao liquidaren aos revolucionarios un a un.

Screen Shot 2017-04-30 at 20.45.36Castelao fai unha lectura da Guerra Civil como un conflito nacional e de clase. Non como produto do temperamento racial dun pobo salvaxe e inculto (tal como logo fixou o consenso intelectual e popular tanto da dereita como da esquerda española). Castelao rexeitaba a interpretación de Azaña imputando o fracaso da república a que o pobo non estaba suficientemente maduro para vivir en democracia. Consideraba todas estas apreciacións como profundamente racistas e dun papanatismo europeísta que lles impedía ver o que estaba acontecendo en países tan “maduros” como Alemaña e Italia. Castelao falaba da cegueira voluntaria dos “repúblicos” e non se fiaba deles e por iso disparou contra o reloxo o día que fusilaron a Bóveda e non agardou a que o santoral Español fixara os festivos galegos. Sospeitaba que acabarían abrazándose por riba do millón de mortos e entendéndose naquilo que os une: desmantelar as conquistas das nacións do Estado.Por unha circunstancia relativamente casual, o 18 de xullo fixaba de facto a distinción na estrutura territorial do Estado entre nacións e rexións, ao se teren plebiscitado até ese momento só os Estatutos Vasco, Catalán e Galego. Cando se comeza a falar na esquerda española de que por riba da República está España e que hai que chegar á reconciliación, é entón cando, dentro desta lóxica, se decreta o esquecemento dos mártires. Para Castelao, que por riba da República está Galiza, considera que nestas circunstancias o borrón y cuenta nueva que lanzara Negrín e que se estendía como un regueiro de pólvora entre un exilio que ansiaba volver de calquera xeito, non beneficiaba a Galiza que viña de ver eliminados os seus cadros políticos e tiña adquirido un status diferenciado que perdería na desautorización da legalidade republicana que llo outorgou.

En calquera caso, a aposta de Castelao pola memoria non é simplemente oportunista senón que se encadra nas súas conviccións, que deixará brillantemente recreadas no seu Alba de Gloria, e que ten que ver coa distinción que fai entre historia e tradición, na liña do que Benjamin sinala da diferenza entre tradición dos vencedores e dos vencidos. A esquerda española ten unha difícil relación coa memoria, o que facilita o traballo estrutural dunha socialdemocracia defensora da tese contraria a lembrar. Dalgún xeito, albiscábase antes de rematada a guerra que os mortos republicanos ían ser condenados ao esquecemento por unha esquerda española preocupada por lavar os seus propios pecados e retornar ao contínuum que Castelao pretendía tronzar.

Cando desembarca en Arxentina isto é co que se topa: “cáseque todo Bos Aires era unha pura españolada, tanto nun bando como no outro, e no dos republicáns tiña un soio arcanxo: García Lorca”. E cunha chamada ameazante á unidade da esquerda fronte ao franquismo que a el lle resultaba un engado máis a favor da outra “sagrada unidade”, alén da experiencia a respecto do frontismo español e é que nesa “Arca de Noé”, mentres eles rifaban entre si, aos galegos se lle impuña a adhesión silenciosa. Fronte a iso Castelao optou por crear un día exclusivo dos mártires galegos e sinala que “eisaltando a figura de Bóveda, fixemos chorar ás xentes galegas que aisitian aos actos e así logramos que os galegos se sintan o que realmente son”.

Screen Shot 2017-04-30 at 20.54.47O caso é que o Día da Galiza Mártir mantívose co tempo como único facho da memoria dos vencidos do Estado Español, unha vez que a esquerda española non só se desprendeu de García Lorca senón de calquera simboloxía (bandeira incluída) que lle dificultara a súa confluencia e entendemento co franquismo reciclado.

A partir do 2000, a esquerda española acordouse da memoria. O “aznarismo” campante fixo desta un refuxio e un motor do seu revival. Mais esta memoria é selectiva. Esquece o esquecemento do que foron responsábeis e hoxe desempoan con soberbia a súa bandeira tricolor e mesmo consideran unha ofensa ter lembrado a Bóveda (“como se non houbera máis vítimas”, escoitamos no Congreso de Narón). O caso é que senón fose por Bóveda, polo Día da Galiza Mártir e por Castelao, durante décadas aquí non se lembraría a ninguén, e con Bóveda sempre se tivo presente a todas as persoas que correron a súa sorte, a García Lorca tamén. A esquerda española non só estivo interesada en que desapareza Galiza tamén foi cómplice da desaparición dos desaparecidos. Hai que ter a honestidade de recoñecer isto antes de erixirse en usufrutuarios dos milleiros de persoas torturadas, encadeadas, paseadas, fusiladas que sempre consideraron que o seu sacrificio fose útil, que valese para algo.

Este artigo de Xoán Carlos Garrido viu a luz no número 11 de Sermos, dentro dun especial intitulado Alexandre Bóveda, agardar andando. O Sermos11 saíu do prelo o 17 de Agosto de 2012, o Día da Galiza Mártir.

As fotografías que acompañan o artigo son do Arquivo da Fundación Alexandre Bóveda. O retrato é do Bóveda mozo. A foto de grupo é da súa época de estudante das oposicións a Facenda en Madrid. Bóveda aparece sentado (o primeiro pola esquerda)

Comentarios