Boa viaxe, Lucho do Peto

Centos de persoas despiden en Teo a Avelino Pousa Antelo, o último loitador do Partido Galeguista

E aínda así, coa fatiga das batallas, venceremos
co orgullo da lingua por bandeira
pois é nosa, e só nosa, a nosa Terra

Os versos, tirados do poema 'Alén do teu recordo', que Mini e Mero compuxeron mesturando palabras deles con outras escritas por Marica Campo, resoaron con forza esta terza feira no local sociocultural de Teo. É posíbel que nunca tanta xente visen aquelas paredes. Era a hora de despedir a Avelino Pousa Antelo, o Lucho do Peto, como lle dicían as amizades por un peto das ánimas que había na súa casa cando era novo. Centos e centos de persoas desprazáronse até o municipio teense para lle daren o derradeiro adeus ao último loitador do Partido Galeguista, cuxo cadaleito, cuberto cunha bandeira galega, ficaba custodiado por outras dúas que lucían un crespón negro en sinal de loito.

Pousa Antelo (Barcala, A Baña, 1914) non ouviu falar da nosa historia, viviuna. A proclamación da república collérao estudando sexto curso no seminario en Compostela, e púxoo contra as cordas da vocación. Dicía que daquela rezaba todos os días. Mais tardou só catro anos en mudar os ideais, após escoitar a voz en off de Castelao nun acto de Promoción Gallega. "Por el fíxenme galeguista de por vida". Ingresou no Partido Galeguista, fixo parte activa da campaña en prol do Estatuto do 36 subido nun camión do lixo do concello de Santiago, xogoulla ao franquismo mantendo viva a nosa lingua nas escolas do rural polas que pasou --era mestre-- e o seu foi un dos nomes destacados do cooperativismo agrario. Aos 98 anos gozaba dunha memoria envexábel que o mantivo fiel aos ideais polos que loitou toda a vida.

Foi a eses ideais aos que cantaron Mini e Mero cun poema copiado dos ollos, como dixo o propio Mero, eses ollos onde procurou unha emoción esvaradía, a esperanza. A esperanza de manter vivo o espírito de loita que herdamos de Pousa Antelo, "un soñador de Galiza para os nosos netos", segundo a descrición que lle dedicou David Otero desde a entidade que presidía, a Fundación Castelao.

Veciñ@s, compañeir@s, amig@s, persoeir@s do mundo da cultura, da fundación Rosalía e unha nutrida representación da Real Academia Galega --co presidente Méndez Ferrín á cabeza-- e do BNG --entre outr@s Ana Pontón, Bieito Lobeira, Olaia Fernández Dávila, Carme Adán e Francisco Jorquera-- quixéronse achegar até a familia para lles transmitiren as súas condolencias. Tamén, Neira Vilas estivo en Teo, para dar o derradeiro adeus a un irmán de ideais na defensa da Galiza.

"Fuches quen de contaxiarnos o amor polo noso pobo", clamou un amigo persoal de Pousa Antelo após recitar un poema. Coas bágoas mollando algunhas facianas chegaron as palabras de Mini e Mero: "Non morre quen ama o seu país", subliñaron. Concluíndo coa quenda de intervencións falou Martiño Noriega, alcalde de Teo. Visibelmente emocionado agradeceu a quen era fillo adoptivo do lugar desde 2007 que non renunciase á memoria "para gañar o futuro" e, antes de berrar por unha Galiza ceibe, lembrou ao galeguista que "es patrimonio de todo o pobo".

O auditorio en pé cantou a unha voz o himno galego. Unha vaga de prolongados aplausos acompañou o cadaleito de Pousa Antelo no derradeiro camiño que emprendeu. Boa viaxe, Lucho.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios