O BNG apresenta en Bruxelas unha denuncia pola devolución do Pazo de Meirás e a ilegalización da Fundación Franco

A denuncia entregouse á eurodeputada e política letona Tatjana Zdanoka, quen tramitará o documento na institución, e que incidiu sobre a necesidade de "seguir a avanzar" nestas materias

ana miranda franquismo bruxelas

A membro do Parlamento Europeo, Tatjana Ždanoka, recibiu esta terza-feira en Bruxellas a denuncia apresentada polo BNG de Sada a respecto do pazo de Meirás da man da concelleira Isabel Bermúdez. A entrega foi esta mañá nas instalacións do Parlamento Europeo en Bruxelas, onde se desprazou unha comitiva galega para participar na xornada de debate "Franquismo despois de Franco", celebrado na segunda-feira. 

A política letona, quen xa presentou ante o hemiciclo europeo unha denuncia sobre os bebés roubados durante a ditadura, escoitou as explicacións do profesor de Historia na USC, Emilio Grandío. O docente expuxo a traxectoria histórica do pazo de Meirás e como a súa situación actual se debe a "unha lexitimidade baseada non nunha demanda popular senón nunha victoria, a da Guerra Civil".

A continuación, Manuel Pérez Lourenzo, co-autor de 'Meirás, un pazo, un caudillo, un espolio' xunto con Carlos Babío, incidiu sobre os mecanismos represivos utilizados para que "certa élite" da cidade da Corula conseguise o favor do ditador ao agasallalo cunha residencia de verán que acabou por ser o pazo familiar da escritora Emilia Pardo Bazán. "Meirás é un espazo de 9 hectáreas de terreo que son impunes á democracia, que nunca chegou a entrar aí", declarou.

Ždanoka agradeceu o xesto e pasou a explicar cal é o procedemento ante esta clase de denuncias, que se ven "limitadas" ante as características da institución. Porén, fixo tamén referencias a outros exemplos positivos, como o dos bebés roubados ou a petición sobre as rías galegas e insistiu na necesidade de "continuar a a avanzar".

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios