Esta terza, ás 12 horas, en Ames

O BNG recupera a memoria dos “Homiños de Boimorto”

A terza feira, día 21, o BNG de Ames homenaxeará os “Homiños de Boimorto” nun acto que servirá para lembrar todas as persoas represaliadas polos falanxistas.

2018081513034046750

A terza feira, día 21, ás 12 horas na Rotonda de Aldea Nova, o BNG de Ames homenaxeará os coñecidos como “Homiños de Boimorto” e todas aquelas persoas que sufriron a represión. O acto contará coa participación de Xosé Luís Rivas, Mini, deputado no Parlamento de Galiza e veciño de Boimorto; David Santomil, portavoz municipal do BNG e edil de Educación e Cultura e con familias dos represaliados.

Como “Homiños de Boimorto” son coñecidos concelleiros da localidade homónima que en 1936 foron perseguidos e, posteriormente, torturados no mosteiro de Sobrado. Os corpos de seis dos asasinados apareceron na zona dos Batáns, no Concello de Ames, onde, en 2006, o Concello repuxo as placas que lembran a memoria de Ramón Enjumio, Manuel Espiñeira, Isidro Filloy, Juan Martínez, Xose Tojo e Xosé Barreiro.

En Memoria dun silencio, Xosé Luís Rivas afirma que “En Boimorto, a mediados de agosto, partidas de facistas, principalmente falanxistas, deciden xuntar As xentes significadas da esquerda para dar un escarmento. Segundo todos os testemuños, fanno instigados polo crego de Boimil-Andabao, D. Emilio, de quen dá un perfil axeitado o informe sobre a situación política en Boimorto feito polo Secretario do concello no ano 1931. Nunca ninguén me falou ben del (...)”.

“Na parroquia de Ortoño, na curva dos Batáns, á beira da carretera aparecen seis. Os veciños recóllenos e lévanos ó adro da igrexa nun carro do país. Alí son fotografiados un por un e inscritos con partida de defunción, numerados, coma descoñecidos. O cura, que ve que algúns levan escapularios ó pescozo, mándaos soterrar en sagrado nunha fosa común xunto cun mestre novo do que non sabemos o nome. Están no lado dereito, á beira do ángulo dianteiro da igrexa parroquial. Anos despois serán identificados pola foto e pola descripción por familiares seus”, agrega o texto.

Comentarios