O BNG RECUPERA ESTAS VíTIMAS DA REPRESIóN

Francisco Miguel e Syra Alonso, figuras para a lembranza

O pintor Francisco Miguel e a escritora Syra Alonso serán lembrados esta tarde na Praza da Liberdade da parroquia de Nós (Oleiros), nun acto de homenaxe ás persoas vítimas da persecución e o odio desatados co golpe de estado de xullo de 1936.

thumb_600_syra_01
photo_camera thumb_600_syra_01

O acto que cada ano organiza o BNG de Oleiros con motivo do Día da Galiza Mártir dedícase este ano á parella formada polo pintor Francisco Miguel e pola escritora Syra Alonso, vítimas da represión franquista.

Francisco Miguel foi prendido por dúas veces na súa casa de Coruxo de Abaixo, en Liáns. A primeira das veces, na madrugada do 2 de agosto de 1936, foi liberado por Syra Alonso. Porén, foi de novo prendido e “paseado”. O corpo do pintor apareceu salvaxemente torturado e mutilado na parroquia carballesa de Bértoa o día 29 de setembro. O fascismo púñalle fin de xeito violento á vida dun home que tivo ao seu cargo a Libraría da Arte da coruñesa Rúa Real e que foi colaborador das revistas Alfar e Casa de América. Amigo de Picasso, Carpentier, Seoane, León Felipe, Siqueiros ou mesmo do mexicano Diego Rivera, Francisco Miguel foi ilustrador dos poemas de Jorge Luis Borges ou de Gabriela Mistral.

Syra Alonso, soa e con 3 fillos pequenos, viviu unha infernal persecución até que finalmente puido fuxir camiño dun exilio mexicano do que nunca voltaría. A súa dramática historia quedou narrada nos Diarios que publicou no ano 2000 A Nosa Terra na súa colección "Mulleres". A súa biografía foi presentada pola redactora de Sermos Galiza Carme Vidal.

O BNG de Oleiros lamenta que nin Francisco Miguel nin Syra Alonso conten aínda con ningún recoñecemento público ou pegada visual que recupere a súa memoria, para alén dunha meritoria iniciativa desenvolvida polas bibliotecas municipais do Concello hai algúns anos. A casa na que habitaron, á que antes dos sucesos terríbeis de agosto de 1936 Syra chamaba “A Casa da Felicidade”, continúa a día de hoxe en pé.

Un acto ao que se adhiren, cada ano, diferentes entidades culturas e de recuperación da memoria da comarca da Coruña

O acto do BNG Oleiros, que vén organizando a formación nacionalista de maneira ininterrompida desde hai 19 anos, é a única iniciativa relacionada coa recuperación da memoria e o recordo das vítimas da represión que se celebra anualmente no municipio.

Como vén sendo habitual, a este acto adhírense diferentes entidades culturais e de recuperación da memoria de toda a comarca: a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda da Coruña, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica, a Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo de Sada ou a Asociación veciñal Os Rueiros de Nós, entre outras.

Presentado pola actriz Isabel Risco, o acto co que o BNG conmemora o Día da Galiza Martir en Oleiros contará coas actuacións musicais de Moncho do Orzán e Miro Casabella, cunha intervención poética a cargo do escritor Cesáreo Sánchez Iglesias e cunha intervención política a cargo de Goretti Sanmartín, membro da Executiva Nacional do BNG e vicepresidenta da Deputación.