O BNG lembra Pedro Galán Calvete na Coruña

Con motivo do seu asasinato, o BNG homenaxeou na Coruña a figura de Pedro Galán Calvete, quen fora secretario de Organización da Mocidade Galeguista da Coruña, nun acto en que tomou a palabra a profesora da UDC e escritora María Pilar García Negro.

42289150_1852553664841355_1321471848256372736_o
photo_camera María Pilar García Negro no acto de homenaxe a Pedro Galán Calvete

Pedro_Galán_Calvete_circa_1933_Murguía_RGH_n3_2004_p1Sempre daba a man esquerda cando se presentaba e cando saudaba. Tamén cando se despedía. Facíao porque a esquerda é a man que sae do corazón. Pedro Galán Calvete (A Coruña 1917, A Corveira-Culleredo, 1936) foi un dos patriotas asasinados polos falanxistas após o golpe de Estado de Francisco Franco.

O profesor da UDC e unha das persoas que máis investigou ao redor da figura de Pedro Galán Calvete, Xosé Manuel Carril, afirmaba nun acto de lembranza convocado en 2003 que falar do homenaxeado "é falarmos do xogo de luces salgadas que nasce no Faro de Hércules para amosar, partindo dende o bairro da Torre e atravesando todas as rúas da nosa cidade, que A Coruña é Galiza e que Galiza é A Coruña, porque a súa curta pero intensa e digna andaina vital acredita que A Coruña e Galiza son unha mesma terra, a nosa terra”.

Un marxista convencido e un defensor dunha Galiza ceibe

Logo de formarse nas primeiras escolas de estudos primarios en galego, nas que impartía aulas Ánxel Casal, Pedro Galán comezou a amosar o seu compromiso político, que o levou, xa en 1933, a publicar un manifesto en A Nosa Terra con Jenaro Marinhas del Valle e outra ducia de persoas para constituír a Mocidade Galeguista na Coruña. Precisamente, ocupou a Secretaría de Organización da organización xuvenil na Coruña e foi quen representou a comarca na asemblea fundacional da Federación de Mocidades Galeguistas de 1934 en Ourense. Formou parte do seu Consello Nacional. “Pedro Galán foi un marxista convencido de que a xustiza social só sería posíbel nunha Galiza digna e ceibe incorporada ao concerto de pobos donos de si mesmos”, afirmara Carril.

O seu intenso traballo político e social levárono a numerosos actos organizados na Coruña e na súa comarca con Ramón Suárez Picallo, Antón Vilar Ponte ou Uxío Carré. Após o golpe de Estado do 18 de xullo de 1936, desbotou a ocasión de exiliarse en América e chegou a encetar os seus estudos de Dereito. Porén, o 10 de setembro de 1936 era detido na coruñesa rúa Bailén, onde paseaba coa súa compañeira, era conducido ao Cárcere da Coruña e, posteriormente, ao cuartel da policía no Orzán. O 16 de setembro unhas leiteiras atopaban o cadáver dun mozo de 19 anos nunha cuneta da Corveira, en Culleredo. Era a semente de Pedro Galán Calvete.

Lembranza do BNG

O BNG homenaxea Pedro Galán Calvete cada ano cunha ofrenda floral no cemiterio de Santo Amaro, onde descansan os seus restos. Nesta ocasión, o acto contou coa intervención da profesora da UDC e escritora María Pilar García Negro. Xoán Padín e Moncho do Orzán puxeron a nota musical con pezas do seu propio repertorio.

Avia Veira: “O franquismo está hoxe tan vivo como durante a ditadura”

No marco da lembranza a quen fora secretario de Organización das Mocidades Galeguistas na Coruña, Avia Veira, portavoz do BNG no Concello da Coruña, advirte de que “o franquismo está hoxe tan vivo como durante a ditadura”. “O noso deber é lembrar Pedro Galán Calvete, que con tan só 19 anos foi paseado simplemente por ser un mozo nacionalista que participaba de xeito activo na súa sociedade, como outros milleiros de persoas que foron asasinadas, humilladas e represaliadas pola barbarie fascista e que debemos recuperar”, salienta ao respecto.

Comentarios