O BNG chama a participar no pleno da Deputación de Lugo que homenaxeará as vítimas da represión franquista

A Deputación de Lugo homenaxeará o conxunto de persoas que sufriron a represión en Lugo a instancias do BNG. O grupo nacionalista fai un chamamento á cidadanía para que participe no pleno que terá lugar esta terza feira 24 de setembro ás 11.00 horas. 

Mario Outeiro
photo_camera Mario Outeiro

O BNG quere que as declaracións do alcalde de Baralla que xustificaban a represión franquista deriven nun claro posicionamento do PP a respecto do réxime franquista e en homenaxe a homes e mulleres que padeceron a represión do réxime. Daí que apresentan unha iniciativa nese sentido que se levará ao pleno desta terza feira día 24 de setembro. 

Con esta proposta, a formación frentista tenciona que o PP “rache dunha vez co franquismo” e “pida perdón ás vítimas”. O grupo nacionalista valora que, até este momento, o PP aínda non se posicionou de maneira clara a respecto da súa relación co franquismo e así quedou de manifesto á hora de retirar distincións honoríficas a persoas ligadas ao réxime ditatorial ou na súa relación coas persoas da provincia que sufriron a represión, para as que reclaman que “pida perdón”. “Agardamos que esta moción provoque unha reacción de humanidade no PP e proceda a desautorizar a unha persoa, neste caso ao alcalde Baralla, que xustificou, sen ningún rubor, o asasinato e a morte como xeito de facer política. Isto é, alén do autor das palabras, trátase de saber se no panorama político galego alguén dá por bon este xeito de facer política”, sinala o portavoz do BNG na institución provincial, Mario Outeiro.

8.000 razóns

“Hai 8000 mil razóns para seguir a defender a democracia nas terras de Lugo, 8000 razóns para seguir a loitar por unha sociedade de iguais, 8000 razóns para seguir a demandar unha Galiza dona dos seus destinos” engadiu o voceiro na Deputación quen mostrou a vontade de homenaxear a homes e mulleres que sufriron a “barbarie fascista” e “rehabilitar” os nomes de quen contribuíu a un Lugo emerxente anterior ao levantamento militar e que logo padeceu o esquecemento e a represión.

Comentarios