martes 22/06/21

O BIC de Meirás precisa dun “marco xurídico” que evite novas loitas polos bens

Con este argumento, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, insiste en demandar a implicación do Goberno español. Por outra banda, asegurou que a declaración como Ben de Interese Cultural da Casa Cornide, para evitar máis ataques sobre o patrimonio que demanda o pobo, chegará a próxima semana.

Detalles do interior do pazo de Meirás. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
Detalles do interior do pazo de Meirás. (Foto: M. Dylan / Europa Press)

As responsabilidades sobre o BIC do Pazo de Meirás van de lado a lado coma se dun balón se tratara. Mentres o Goberno do Estado español deriva a ampliación á Xunta, esta volveu a facer  contrario esta terza feira ao pedir a implicación do Goberno de Pedro Sánchez para crear un “marco xurídico” estábel que impida que os Franco poidan buscar espazos legais para levar os bens.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, destacou que para ampliar a declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) aos elementos que quere retirar a familia do ditador -mesmo anunciou que marcharía cos elementos xa catalogados e protexidos como as figuras de Abraham e Isaac e parte da biblioteca de Emilia Pardo Bazán- mentres o prazo dado pola sentenza xudicial fica paralizado.

Para Rodríguez ten que haber unha intervención estatal para dar cun “marco xurídico que dea certeza”.

Neste sentido pide a sinatura dun convenio entre o Executivo estatal e o galego para facer actuacións de protección “con seguridade e coherencia”.

“Non estamos ante unha cuestión de decisión política”, remarcou, ao entender que as dúas administracións buscan o mesmo: que os elementos permanezan en mans públicas.

O responsábel de Cultura aproveitou para puntualizar que o BIC “non afecta á propiedade dun ben senón á súa mobilidade”.

Nun acto decorrido na Coruña, anunciou tamén que a Casa Cornide será declarada BIC na próxima semana a través dun anuncio no Diario Oficial da Galiza (DOG). Esta tamén é unha das propiedades dos Franco polas que loita o pobo.

comentarios