Benigno Rei Pavón, morto por ser bo

Hai oitenta e tres anos, falamos do 12 de novembro de 1936, eran asasinados na estrada de Campañó, Poio, dez demócratas ben representativos do crisol ideolóxico comprometido co cambio social, unha sociedade de iguais e unha Galiza libre. Un deles, Benigno Rei Pavón, nunha carta dirixida a súa nai desde a cadea explicaba que “mátannos por ser bos”.

benigno rua galeguista
photo_camera Benigno Rei, segundo pola esquerda, con outros ximnastas de Pontevedra.

Estamos diante do martirio dun mozo comprometido desde a adolescencia coa causa dos máis. Fillo dun histórico republicano pontevedrés, o reloxeiro Arturo Rei Xuncal, cuxa morte en 1935 é referida na prensa nacionalista como a do “ noso moi respectado e querido amigo, a quen uníamos unha amizade cordialísima”, estudou maxisterio na Escola Normal de Pontevedra, exercendo de mestre na escola de Lantaño en Portas e posteriormente na de Penzol, no concello da Veiga, na Galiza estremeira.

Un significado deportista

Destacado deportista, foi directivo da “Sociedade Ximnastica de Pontevedra”, fundada en 1927, que en 1934 mereceu os parabéns de A Nosa Terra, "a Ximnástica Pontevedresa, chea de bos atletas e de galeguidade, que tan alto leva posto sempre o nome da nosa Terra e que, ademais de levar no seu escudo coas nosas cores, desfila sempre coa nosa bandeira nacional despregada”.

Neste mesmo ano Benigno Rei acode como delegado da Ximnástica aos campionatos de España de décatlon que se celebran en Tolosa e á asemblea da Federación Galega de Atletismo que se celebrou en Vigo no mes de setembro. Afeccionado aos deportes náuticos, compartía a propiedade dunha gamela co seu grande amigo Xaime Illa Couto, que acompañou durante longos anos a este último nos seus veráns de Raxó.

“Morro por estar onde estaría o noso pai se vivise, e non fixen nada que se poida censurar. Para min estar morto é un motivo de intima satisfacción”

Un nacionalista de primeira hora

Foi un militante nacionalista de primeira hora. Afiliado á sección local do Partido Galeguista de Pontevedra desde a súa constitución, a súa alta aparece rexistrada o 10 de Xaneiro de 1932,  porén a data da súa incorporación ao nacionalismo remontase a creación do “Grupo Nacionalista de Pontevedra”, fundado o 1 de Xuño de 1931 e presidido por Daniel Castelao, que sería o xerme con “Labor Galeguista”, da nova organización do nacionalismo na cidade.

O seu compromiso patriótico terá continuidade na Veiga, a onde é trasladado como mestre en xaneiro de 1935, probabelmente no marco da política represiva que inicia o goberno após a revolución de 1934, colaborando coa organización do Partido Galeguista no concello limítrofe de Ribadeo. O 11 de febreiro de 1935 participa como orador, canda Claudio Pérez Prieto, nun mitin dos nacionalistas para conmemorar o aniversario da proclamación da primeira república, afirmando, segundo o semanario La Comarca del Eo , que “a república federal de Pi Margall, sería daquela e aínda será a salvación da Nosa Terra”.

Outra vez La Comarca del Eo, nesta ocasión o 14 de Xuño de 1936, infórmanos da súa participación nun acto autonomista en Ría de Abres, concello de Trabada, xunto ao Presidente do Partido Galeguista de Ribadeo, posteriormente exiliado na República Dominicana e en Estados Unidos, Claudio Pérez Prieto e do Presidente da Irmandade galeguista do Conforto, Xosé Bermúdez.

Outro máis dos dez de Pontevedra

Asasinárono con tan só vinte e sete anos. O 18 de xullo de 1936 atopábase de vacacións en Pontevedra, a cuxa provincia agardaba retornar en breve pois tiña solicitado o trasladado, e tendo noticias do golpe de estado participa da resistencia ao mesmo, colaborando na requisa de armas, axudando na convocatoria da folga xeral do 20 de xullo ou tentando impedir  na rúa a saída das tropas.

Aínda sen xogar un papel dirixente na oposición ao golpe, será xulgado en outubro de 1936, canda outros nove  demócratas de Pontevedra, acusado de “elemento destacado que tomou parte en cantas reunións clandestinas se teñen celebrado por elementos políticos, espiritistas e políticos de extrema esquerda, desenvolvéndose moitas delas no seu propio domicilio e realizando propaganda de carácter extremista.

Benigno Rei, que permanecía detido desde os primeiros días de agosto na Escola Normal de Pontevedra, o 4 de Novembro escribía a súa familia afirmando que “Morro por estar onde estaría o noso pai si vivise, e non fixen nada que se poida censurar. Para min estar morto non é máis que un motivo de intima satisfacción”.

Comentarios