A batalla de Monfero

Hai 73 anos, falamos de 31 de outubro de 1949, morrían nun enfrontamento armado coas forzas da Garda Civil sete guerrilleiros tras ser cercados nunha vivenda no lugar de Pazos en Monfero. A acción represiva foi decisiva para o desmantelamento da oposición armada ao fascismo, nas comarcas de Trasancos e A Coruña, significando un antes e despois na loita antifranquista.

Temblas Paz
photo_camera Ficha policial do grupo guerrilleiro de José Temblas, dirixente da IV Agrupación morto en Monfero. (Foto: Nós Diario)

Foi un golpe decisivo que rematou por desmantelar a IV Agrupación do Exercito Guerrilleiro da Galiza. Ao longo de 1949, o dispositivo represivo do réxime franquista golpeou con contundencia aos núcleos operativos da resistencia armada, provocando numerosas baixas nas súas filas, debilitando a súa rede de apoios e xerando unha forte sensación de desánimo no conxunto do movemento popular.

As necesidades loxísticas obrigaron a un grupo de militantes da IV Agrupación, integrados no Destacamento Arturo Cortizas, a desprazarse a Vilarmaior. O grupo estaba comandado por Adolfo Allegue Allegue, coñecido por Riqueche, un guerrilleiro de Grandal en Vilarmaior convertido, ao tempo, no máximo responsábel do  Arturo Cortizas.

A crónica de Moncho

Ramón Rei Balbís 'Moncho', un dos cadros de relevo da IV Agrupación, ligou a presenza do comando nas terras natais de Riqueche  a que “estabamos sen un céntimo e empeñados en varios puntos de apoio, pero aínda ficaban outros que nos podían axudar. Decidimos após estudar as posibilidades, que Riqueche, Temblas, Chao e  Freire saíse á zona de Vilarmaior e alí pedisen ao “Susto” o cabalo ou aos “Pirenaicos” algún diñeiro”.

As dificultades para conseguir nesa zona a cantidade económica precisa para a súa labor ordinaria levou ao grupo a desprazarse a Monfero. O plan acordado estabelecía “como última saída, senón lograban o diñeiro nestes sitios debían ir cobrar o resto da sanción a Monfero tomando todas as precaucións”, poñendo camiño a esta última localidade, unha vez que comprobaron a imposibilidade de conseguir a contía precisa en Vilarmaior.

Segundo a crónica de Rei Balbís, “Riqueche conseguiu algún diñeiro no Susto e A Tenda (total creo que unhas 7.000 pesetas, unindo a Jaspe e aos seus dous compañeiros ao destacamento e trasladándose a Monfero a cobrar unha sanción que xa impuxeramos e da que só cobraramos a metade (15.000)”. Así as cousas, os membros do Destacamento Arturo Cortizas da IV Agrupación e os restos da V Agrupación xa chegaron a Monfero o 29 de outubro.

O reloxo de Pasionaria

O enfrontamento entre as forzas da orde e as unidades guerrilleiras iniciouse no anoitecer de  30 de outubro e alongouse até a media tarde do día seguinte. Os militantes antifascistas pasaron a primeira noite na vivenda a onde acudiran a cobrar a sanción económica, sendo recibidos, en palabras dos informes internos do PC, “afabelmente”, sen caer  na conta de atoparse cercados até que Riqueche saíu da casa para comprobar a situación.

Rei Balbis, no seu informe, sinalou como “cando ao saír da porta coa pistola metralladora na man alguén lle preguntou: Ti es Riqueche?. Si que pasa, contestou este. Unha refaga foi a contestación do inimigo e Riqueche caeu morto”. O mesmo informe continuou sinalando que “o combate durou toda aquela noite e até o atardecer do día seguinte. Todos os guerrilleiros segundo os informes portáronse ben. Os camaradas queimaron todos os papeis, incluso o diñeiro e romperon os reloxos. Deixaron só un pequeno…coa fotografía da camarada Dolores que se entregaba aos camaradas mellores no estudo e no traballo”.

Os mortos de Pazos

O combate rematou coa morte de sete militante antifascistas. A maiores de Riqueche, falecido ao comezo do enfrontamento, perderon a vida nas máis de 16 horas de batalla José Temblás Paz, José Chao Rouco, Antonio López Arias, Juan Freire Barcia, Rogelio Alonso Carral e José Remuiñán Barreiros.

Temblas, natural de Ourol, militante no PCE desde 1939 foi o principal dirixente da guerrilla de orientación comunista na Mariña. Veciño do anterior, José Chao “Benita” era outro veterano da guerrilla mariñá, que partillou tempo atrás momentos e situacións de perigo con outro dos mortos, neste caso  co ferrolán Roxelio Alonso “Canín”, procedente tamén da IV Agrupación e Juan Freire Barcia, que só levaba catro meses no monte.

Os outros dous guerrilleiros mortos, Antonio López Arias “Jaspe” e José Remuiñan Barreiros ”Ricardito”, desembarcaran na Coruña após da desfeita da V Agrupación e o conseguinte cese da actividade armada no norte de Pontevedra.

Pazos, un símbolo  da resistencia antifascista

A batalla de Monfero non tardou en acadar a categoría de símbolo na memoria popular e na propia épica da resistencia antifascista. O alcance do despregue das forzas da orde, a intensidade do combate, o número de vítimas mortais ou  a represión que golpeou ás xentes da comarca ficou gravada, durante décadas, na zona pero tamén no propio relato dos compañeiros de loita dos guerrilleiros asasinados que deixaron testemuño dos feitos nos seus órganos de prensa  e en diferente propaganda elaborada nos anos seguintes.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
comentarios