Basilio Álvarez, no Valadouro

Neste novo número do caderno 'Aprender' poderás gozar desta reportaxe sobre as "Lembranzas dun mitin agrarista en Ferreira do Valadouro". Atoparás todos os contidos acompañando ao Nós Diario que agarda este sábado nos quiosques.
Mitin de Basilio Álvarez de Herdadiña en 1913. (Foto: Vida Gallega)
photo_camera Mitin de Basilio Álvarez de Herdadiña en 1913. (Foto: Vida Gallega)

Na nómina de líderes políticos e sociais da Galiza da primeira metade do século XX Basilio Álvarez (1877-1843) ocupou un lugar sobranceiro. Este crego ourensán foi o máis carismático dos xefes agraristas, que teimaron por darlle representación política aos labregos galegos, apoiándose na Liga de Acción Gallega, por el fundada en 1910. Destacado xornalista, estivo entre os fundadores do diario católico El Debate (1910), mais foi desde as páxinas de La Zarpa (1920) onde o agrarismo galego atoparía o seu voceiro máis significativo. Non obstante, Basilio Álvarez destacou sobre todo como orador afouto, mesmo incendiario. «Una tormenta con sotana», así o definiu Castelao nunha das súas caricaturas. Nas seguintes liñas imos achegarnos ao mitin que protagonizou, o 2 de febreiro de 1922, en Ferreira do Valadouro. Un bo exemplo da mobilización dos labregos galegos nos comezos do século XX.

O detonante do mitin de Basilio Álvarez en Ferreira foi a vitoria dos agraristas nas eleccións locais. En efecto, a comezos de 1922 os agraristas do Valadouro fixéronse cos seis postos de concelleiros que estaban en disputa, e non só iso, senón que o conseguiron a través do artigo 29 da lei electoral –o famoso Carallo 29–, que determinaba que se nun distrito electoral só se presentaba un candidato, non se realizarían eleccións, declarándose electo inmediatamente a persoa que se presentaba.

O éxito dos agraristas do Valadouro foi, xa que logo, de grandes proporcións e supuxo unha derrota humillante para Felipe Lazcano, deputado polo distrito de Mondoñedo, pertencente á facción ciervista dos conservadores.

Esta vitoria electoral foi a que determinou que Basilio Álvarez decidise visitar O Valadouro. Mais, tamén debemos sinalar unha intervención persoal neste mitin. A relación que o líder agrarista tiña con Ramón Fernández Mato (1889-1980). Este persoeiro, vencellado ao Valadouro por matrimonio, era un dos líderes do sindicato Unión de Labradores del Valle de Oro, ademais dun importante intelectual.

Aínda que médico de formación, Fernández Mato consagrou a súa vida ao xornalismo e á literatura. Así, foi o primeiro director do xornal El Pueblo Gallego, propiedade de Manuel Portela Valladares (1867-1952), que podemos considerar como o seu xefe político. No eido das letras destacou como dramaturgo, sendo autor de obras teatrais de notábel éxito na Galiza do seu tempo.

Xa que logo, ás tres da tarde do día 2 de febreiro de 1922 Basilio Álvarez chegou a Ferreira, na compaña de Fernández Mato. A praza da vila, lugar escollido para o mitin, xa estaba ateigada de labregos. Antes de comezar o acto, Basilio Álvarez dirixiuse á sede dos agraristas do Valadouro, onde saudou a todas as delegacións convidadas. As tres e media comezaron os discursos, sendo Fernández Mato o primeiro en falar. Afirmou que a recente vitoria electoral dos agraristas era agoiro de futuros triunfos do agrarismo que representaba Basilio Álvarez, en permanente loita contra o caciquismo.

Edmundo Estévez, representante dos agraristas de Ourense, foi o seguinte orador. Tras felicitar os camaradas locais pola súa vitoria electoral, puxo os agraristas como símbolo da rexeneración democrática que Galiza precisaba. E, finalmente, chegoulle a quenda a Basilio Álvarez, quen, nun discurso dunha hora de duración, conseguiu acender os ánimos de todas as persoas presentes, resumindo o programa de redención que os agraristas estaban a levar por toda Galiza.

Gostarías de seguir descubrindo máis sobre Basilio Álvarez? Só tes que buscar o Nós Diario deste sábado no quiosque ou na nosa tenda online e seguir repasando o caderno 'Aprender'. Non fiques máis sen contidos apaixoantes coma este e fai a subscrición nun momentiño!

Comentarios