Unha década de represión continua contra Ezequiel Caamaño

Barbarie en Ponteceso

Se estudamos o tempo en que a guerrilla andou pola comarca de Ponteceso, é obrigado analizar a detención de Ezequiel Caamaño Toja. Se saltamos na liña do tempo até o verán de 1936, hai un único concelleiro da II República encausado, Ezequiel Caamaño. Se o que queremos é intentar achegarnos ao odio político previo a xullo de 1936 no pleno do cabido, volvémonos topar con Ezequiel como alcalde e tamén como secretario do concello.
Francisco García Laclaustra, no centro, un dos responsábeis da morte de Ezequiel Caamaño, foi nomeado por Adolfo Suárez subdirector xeral da Garda Civil. (Foto: Diario de Burgos)
photo_camera Francisco García Laclaustra, no centro, un dos responsábeis da morte de Ezequiel Caamaño, foi nomeado por Adolfo Suárez subdirector xeral da Garda Civil. (Foto: Diario de Burgos)

Estas tres razóns foron as que nos levaron a pór no centro do artigo a Ezequiel Caamaño Toja, fillo de Carmen e Samuel, nado en Tella en 1903. Pero non esquecemos o obxectivo desta publicación. Tentaremos explicar o terror, que foi espallándose como unha mancha de tinta, como unha negra sombra. E non nos resignaremos á escuridade. Xa non. Queremos dirixir a luz da nosa lanterna cara a esa negrura, lembrando algúns nomes dos que alentaron e provocaron medo, sufrimento e morte.

E aproveitaremos, como non, para homenaxear e reivindicar a quen nunca deixou de loitar contra o fascismo, a favor da liberdade. Unha persoa, cremos, inxustamente esquecida. Faremos este achegamento en tres momentos históricos distintos.

Tres momentos que comparten o odio dalgúns a Ezequiel. Un odio constante, pertinaz, que senten os que queren non só subverter o réxime democrático, senón tamén manterse no poder durante xeracións. Un odio que non vai dirixido só á persoa, senón tamén ao que representa.

II República

Ezequiel Caamaño empezou a traballar no concello de Ponteceso de secretario en xaneiro de 1933, substituíndo durante mes e medio ao titular da praza. En datas achegadas entra en escena quen será moi pronto o seu principal inimigo, Esteban Buján Testa, que toma posesión como novo secretario do concello de Ponteceso o 25 de abril de 1933. Esta información foi fácil de obter. Saber o que veu despois é moito máis difícil. Porque desde agosto de 1933 até xaneiro do 36 non hai libros de actas dos plenos. Foron roubados por Esteban Buján Testa.

Ese roubo deixa ese período cuberto de mesta néboa. Só queda un cartafol que garda folios soltos, borradores incompletos dunhas poucas actas. Neles puidemos ver tres cousas que pasaron nestes anos: que entraron como concelleiros algúns homes, entre eles Ezequiel Caamaño, non elixidos por sufraxio, senón designados seguramente polo gobernador civil da Coruña; que o número de concelleiros designados a dedo nunca superou ao de concelleiros elixidos nas eleccións de 1931; e que 1935 foi un ano de liortas no concello.

Esas liortas foron quizais a causa da renuncia do alcalde o 5 de xaneiro de 1936. Esta provocou que no pleno do día 10 Ezequiel Caamaño fora elixido novo alcalde case por unanimidade, con dez votos dos once asistentes.

Ese mesmo día, Buján rouba libros, documentos e selos oficiais, así como as chaves dalgunhas dependencias que deixa fechadas, e marcha da casa do concello para non volver durante varios meses. Subtrae ademais un obxecto cargado de simbolismo: o bastón de mando.

Interésache seguir coa lectura? Este capítulo do coleccionábel 'Os nomes do terror' sae publicado no Nós Diario que atoparás hoxe nos quiosques ou na nosa tenda online para a súa lectura na nube. Adianta traballo e fai agora mesmo a túa subscrición!
 

Comentarios