O Banquete de Conxo, o nacemento dunha xeración

O domingo 2 de marzo de 1856, sectores da mocidade ilustrada compostelá e da clase operaria máis consciente da cidade celebraban un xantar de confraternidade na carballeira de Conxo, co obxectivo de facer declaración pública da súa posición política. 
Banquete de conxo
photo_camera Banquete de Conxo.

Significou a presentación en sociedade dunha nova xeración galega disposta a darlle continuidade ao proxecto ideolóxico que animou a revolución de 1846 e foi derrotado unha década antes a lume e ferro. Desenvolveuse nun momento decisivo do proceso de acumulación capitalista no Estado español e de empuxe á axenda centralizadora iniciada unhas décadas antes polos liberais. Expresou, en definitiva, a decisión de garantir a existencia da Galiza desde posicións políticas avanzadas.

A memoria da revolución galega de 1846 e do martirio de Carral estaba moi presente no núcleo promotor do Banquete de Conxo. Aurelio Aguirre, Eduardo Pondal, Luís Rodríguez Seoane, Paz Novoa, Manuel Murguía ou a propia Rosalía de Castro tomaron conciencia social arredor do Liceo da Xuventude, unha entidade constituída en Santiago de Compostela en abril de 1847, baixo o impulso e dirección  de persoas ligadas politicamente ao grupo de Antolín Faraldo,  como Antonio Neira de Mosquera, Alberto Camino ou Leopoldo Martínez Padín.

Sen ir máis lonxe, unha das grandes referencias da xeración, o poeta Aurelio Aguirre dedicou versos apaixonados aos Mártires de Carral, publicados só un mes despois do Banquete de Conxo no xornal La Oliva. Manuel Murguía escribiu anos máis tarde como "o pobre Aurelio, que era un neno cando o alzamento de 1846, contoume que ficara gravado na súa memoria o tránsito polas rúas compostelás, camiño de Carral, do infortunado Solís e demais compañeiros de traxedia".

A conciencia de facer parte da mesma alternativa política defendida polas revolucionarias de 1846 e a vontade de continuar a súa loita non deixaba lugar a dúbidas. Un bo exemplo disto foi o xornal La Oliva, auténtico voceiro e organizador colectivo do grupo, que non dubidou en defender as organizadoras do xantar de Conxo nas circunstancias máis delicadas. Así, no seu número de  26 de abril de 1856 homenaxeou os Mártires de Carral, escribindo un mozo Manuel Murguía "non somos nós os que  renegamos da obra dos nosos irmáns" para sinalar, de seguido, "non queremos ser máis que galegos, dixeron entón".

O acto de Conxo

O domingo 2 de marzo de 1856 congregábanse nunha carballeira próxima ao mosteiro exclaustrado de Conxo arredor dun cento de persoas, nas palabras dos seus promotores, "cheos do ardente entusiasmo que inspira a virtude e o dereito, enchendo o mundo coas súas aspiracións, defendendo a causa do débil contra o forte, a causa do oprimido contra o seu opresor".

Segundo afirmaba no seu número de 8 de marzo de 1856  La Oliva, "acudiron os nosos virtuosos estudantes acompañados cada un dun artesán ao convite. Antes de dar comezo ao xantar saíu unha comisión ao campo na busca dos símbolos da liberdade, como son o loureiro e a palma, cos que se adornou un fermoso tarxetón que ocupaba o posto central da mesa e en cuxo centro líase a inscrición "Orde, Fraternidade". Ao sentarse intercaláronse os artesáns e os estudantes. Algúns mozos inspirados visaron a composición". Os autores das mesmas foron Aurelio Aguirre, Eduardo Pondal e Luís Rodríguez Seoane. 

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube 

Comentarios