Banquete de Conxo: 160 anos dun chamado á emancipación que aínda ecoa

O 2 de marzo de 1856 tivo lugar un xantar de confraternidade entre estudantes e obreiros (artesáns) realizado no vello concello de Conxo, ao pé de Compostela, que tivo amplia repercusión en toda Galiza e que xerou arrepíos entre os sectores máis poderosos.

Banquete de conxo
photo_camera Imaxe tirada do blog de Manuel Mera

O dous de marzo cúmprense 160 anos do Banquete Democratico de Conxo, un xantar de confraternidade entre estudantes e obreiros (artesáns) realizado no vello concello de Conxo, ao pé de Compostela. Un encontro que tivo unha ampla repercusión en toda Galiza. A iniciativa foi de Aurelio Aguirre, estudante de dereito e poeta, persoa con predicamento entre os universitarios e o artesanado da cidade. O acto realizouse despois da grave crise económica de 1852 a 1855 que abrangue a agricultura, mais tamén ás principais casas comerciais e paraliza a industria; o que dará pulo á emigración cara América e provoca motíns en varias cidades. Un acto que ademais amosa a superación da represión posterior á insurreción progresista e provincialista/protonacionalista de 1846 e que derivou nos afusilamentos de Carral. No xantar participaron Aguirre, Pondal, Rodríguez Seoane, Camino, Manuel Murguía, e seica Paz Nóvoa, así como Rosalía de Castro. Estes mozos formaban parte do Liceo da Mocidade compostelán. Daquela as ideas socializadoras e democráticas agromaban entre os obreiros tipógrafo.

“A carballeira de Conxo foi arrodeada por soldados mentres durou o xantar”

O anuncio do banquete causou arrepío entre os sectores máis poderosos de Compostela, que axiña trazaron un paralelismo cos pasos previos á revolución de 1848 na Franza. No país galo a prohibición dun banquete público republicano dera lugar a enfrontamentos armados. As medidas de seguranza foron esaxeradas, e demostrativas das limitacións democráticas da altura. A carballeira de Conxo foi arrodeada por soldados mentres durou o xantar, no que Aguirre e Pondal pronunciaron senllos discursos. Será este último o que pronunciara as verbas máis "revolucionarias". Ambos os dous serían denunciados por sediciosos e ameazados con seren deportados ás illas Marianas, no Pacífico. Aguirre, mesmo, foi acusado de ateo, o que daquela non era pouca cousa.

Texto tirado dun traballo da CIG /CAF polos 150 anos do Banquete de Conxo

Comentarios