Unha bandeira galega no traslado dos restos de Rosalía

En 1898 varios periódicos galegos e un de Buenos Aires publican un texto orixinado en La Gaceta de Galicia que reclama máis uso da bandeira galega e afirma que a derradeira vez que a viron ondear foi no traslado dos restos de Rosalía

estacion-de.cornes (1905)
photo_camera Un aspecto da estación de Cornes en 1905

O traslado dos restos de Rosalía desde o cemiterio da Adina ao de Bonaval realizouse o 25 de maio de 1891. Ese día, como nos conta a prensa, especialmente La Patria Gallega, realizouse a exhumación e traslado a Compostela, á estación de Cornes, na altura concello de Conxo, inaugurada en 1873 e extremo dos 42 kms da liña Cornes-Carril. Ás seis menos cinco chegou a Cornes e ás oito e media fixo entrada en Bonaval: “En la calzada que conduce á esta iglesia, aguardaban al cortejo muchos estudiantes con hachas encendidas, y tendidos en dos filas á lo largo de dicha calzada, ofreciendo un aspecto tan extraño como hermoso, las luces de las hachas brillando entre la multitud”.

Coa mesma plasticidade que a chegada a Bonaval é descrito todo o percorrido do cortexo fúnebre: quen acompaña, onde vai situado, como vai o cadaleito, as coroas de flores, os discursos en puntos estratéxicos, a xente que se aglomera.

“Sobre sencillo túmulo, rodeado de blandones que ceñían lazos de gasa negra, estaba colocado el féretro. En derredor había multitud de coronas de laurel y escalando el catafalco las hermosas artificiales enviadas por la Lliga de Catalunya, por la Sociedad Económica, por el Comité Central regionalista, por los Comités de Orense, Lugo,Vigo y Tuy, por el viudo de la ilustre poetisa señor Murguía, por sus hijas, por el Ayuntamiento de Padrón, por el cuerpo de Bomberos voluntarios, por los señores Martínez Salazar y Carré de la Coruña, por los Escolares de la Universidad gallega, y por el Recreo Artístico de Santiago" , dise nun momento.

E chama a atención o cronista sobre “la gran corona de flores naturales, de más de un metro de diámetro, tributo rendido á la memoria de Rosalía por la redacción de la Gaceta de Galicia, y la ofrecida por la Rondalla regionalista, ambas ideadas y compuestas por los jardineros del Municipio y por el de la Excelentísima señora Duquesa de Medina de las Torres, que han sido justamente felicitados".

A bandeira

No libro Os símbolos da Galiza dise que no 1891 se produce “a exhibición por primeira vez da bandeira galega na translación dos restos de Rosalía desde o cemiterio de Adina a Bonaval”. Repítese a información no web da RAG: “A bandeira foi deseñada no ano 1890 polo movemento rexionalista, liderado por Manuel Murguía, e empregada por primeira vez un ano despois con motivo do traslado dos restos de Rosalía de Castro a Santiago de Compostela”, dando a entender ademais esta web que esa bandeira foi a mesma que cubriu os restos de Curros en marzo de 1908, posibilidade esta última que non debemos considerar pois sabemos con certeza que esa bandeira, a de Curros, foi custeada pola revista Galicia da Habana e nada ten a ver con esoutra bandeira de 1891.

bandeira

Mais, houbo bandeira en 1891? E se a houbo, cal era, como era?

A información que até agora tiñamos sobre a existencia dunha bandeira no traslado dos restos de Rosalía partía de Buenos Aires en 1898, sete anos despois do traslado. Publícaa El Eco de Galicia, de Buenos Aires, sob o título La bandera de Galicia e afirma que transcribe un texto publicado por un xornal de Santiago. “Con este título escribe un periódico de Compostela el artículo siguiente, que con gusto transcribimos”.

E segue o texto:

“Sólo recordamos una solemnidad en que vimos el pabellón gallego desplegado a los vientos: fue cuando aquel puñado de escritores, en unión con la Sociedad Económica, llevaron a cabo la traslación de los restos de la gran Rosalía Castro desde el cementerio de Iria Flavia al templo de Santo Domingo de Compostela. Desde entonces no lo hemos vuelto a ver más”.

Polas referencias con que comeza o texto (“En estos días de fiestas sacramentales hemos visto en todos los balcones y ventanas de Santiago multitud de colgaduras de diferentes formas, tamaños y colores”) podemos deducir que se está a referir ás festas do Corpus de Compostela.

Nese ano de 1898 cadraron o xoves 9 de xuño e El Eco de Galicia publica en Buenos Aires o 10 de setembro.

Que o artigo foi publicado en Santiago antes que en Buenos Aires corrobórao unha resposta que fai Revista Gallega de A Coruña ao dito artigo no seu número 173, de 3 de xullo de 1898. Deste xeito o texto aludido por Revista Gallega e por El Eco de Galicia tivo que publicarse en Santiago en xuño de 1898, mais non podíamos saber a que periódico compostelán se podía referir e, por suposto, descoñecíamos se o escrito era asinado ou anónimo.

Agora podemos pórlle orixe e autoría ao texto. Outras dúas copias, polo menos, ademais da de Buenos Aires foron publicadas na Galiza en xullo de 1898.

Unha aparece publicada en El Lucense, diario católico da sexta feira 1 de xullo de 1898. E indica a procedencia: La Gaceta de Galicia. A outra ao día seguinte, 2 de xullo, en La idea moderna. Diario democrático de Lugo, que indica: “La bandera de Galicia. Con este título escribe nuestro estimado colega La Gaceta de Galicia el artículo siguiente, que con gusto transcribimos” . E segue o texto.

O texto ten orixe en La Gaceta. Á altura de 1898 La Gaceta está dirixida por Antonio Fernández Tafall, fillo de Manuel Bibiano Fernández, propietario e primeiro director. A razón de por que se publica sete anos despois a nova do uso da bandeira galega en 1891 pode que teña a ver coa vaga de patriotismo que nesa semana de xuño de 1898 enchía os periódicos editados na Galiza debido aos conflitos da guerra hispano-yanki. Se cadra é por iso que se pide que a bandeira galega se vexa, polo menos, durante as festas.

O texto ten orixe en La Gaceta. Á altura de 1898 La Gaceta está dirixida por Antonio Fernández Tafall, fillo de Manuel Bibiano Fernández, propietario e primeiro director

 

Tendo en conta os anos transcorridos entre o traslado dos restos e a crónica de La Gaceta de Galicia parece o máis prudente comezar analisando o comentario que fai La Patria Gallega, órgao oficial da Asociación rexionalista que publicou un número monográfico sobre o traslado dos restos de Rosalía a Compostela, traslado conflitivo por moitos motivos como sinala Francisco Rodríguez no artigo Crónica dun traslado conflitivo.

E nesa crónica, nalgún momento acta notarial, hai unha única referencia á bandeira: “Después de un coche de respeto, enlutado, sobre el que lucía la hermosísima corona de flores naturales dedicada á Rosalía Castro por nuestro colega la Gaceta de Galicia, corona de un metro de diámetro, y que ha sido, con justicia, objeto de unánimes y entusiastas elogios, seguían Bomberos voluntarios, con su vistoso uniforme y llevando la bandera; los estudiantes de todos los centros docentes de Santiago en masa; directores y redactores de los periódicos locales Gaceta de Galicia, El Pensamiento Galaico, El País Gallego, El Fin del Siglo, y El Ciclón, y representantes de El Obrero de Pontevedra; el Excmo. Sr. Rector de la Universidad; el limo. Sr. Presidente de la Audiencia, la Sociedad Económica y el Recreo Artístico é Industrial en Corporación (La Patria Gallega)”.

Houbo pois unha bandeira. A única referencia que aparece na prensa do momento é a esta bandeira que portan os bombeiros. Se esta tiña ou non algún parecido coa que en 1898 La Gaceta de Galicia identifica coa bandeira galega, non o sabemos. É posíbel que nos arquivos de Compostela figure algunha referencia a como eran os traxes e as bandeiras dos Bombeiros en 1891. En todo o caso, no regulamento que rexe a creación da Compañía de Bombeiros, en 1865, nada se di sobre uniformes nin símbolos.

Houbo pois unha bandeira. A única referencia que aparece na prensa do momento é a esta bandeira que portan os bombeiros

Mais algo debían ter para que, 26 anos despois da súa creación, o cronista fale de “vistosos uniformes”. Da forma da bandeira nada nos di. En 1891, no traslado dos restos, a redacción de La Gaceta homenaxeou Rosalía cunha grande coroa de flores. En abril de 1892 La Gaceta fala da Bandeira de Galicia coa súa forma actual, tal como figura no deseño do estandarte do Centro Galego da Habana.

É ben posible, pois, que o que se di en 1898 fose visto en Compostela en 1891: unha bandeira galega acompañando os restos de Rosalía.

Comentarios