Baldaio, unha loita que mudou Galiza

O 8 de maio é o 40 aniversario dun día  chave na pugna da veciñanza pola recuperación para uso público das marismas de Baldaio. Cilia Torna lembra nesta reportaxe aquela loita. 

Baldaio.1

A orixe do preito de Baldaio remontase a 1947. Naquela altura, o Concello de Carballo aproba unha concesión administrativa a dous particulares, para a posta en marcha dunha factoría piscicola e unha parque de cría e engorde de moluscos nas marismas de Baldaio. A concesión, que ocupara unha superficie de 2.07.528 m2, vinte veces máis do máximo permitido, será transferida en 1954 á mercantil Baldayo S.L que após incumprir os prazos e o fin da concesión, xa que o seu negocio se centra na extracción de area, verá renovada a mesma en 1975 polo Goberno de Estado. Será neste momento, canda algúns veciños da zona, organizadas nas organizacións nacionalistas comecen as súas protestas, combinando, ao tempo unha actuación no ámbito legal, fundamentalmente na xurisdición do penal, e outra no plano social, onde destacan as paralizacións dos traballos ou  as sabotaxes a maquinaria e ao material da empresa.

Haberá que agardar, logo, a organización do nacionalismo na comarca para que a loita en defensa das marismas de Baldaio entre nunha nova fase. Máis unha vez, as asociacións culturais, neste caso o grupo “Nos” e a súa continuadora “Lumieira”, foron as plataformas utilizadas para axitar conciencias polos militantes da UPG e posteriormente da ANPG de Carballo, organizando coa faciana desa estrutura legal,xuntanzas e asembleas cos veciños e veciñas afectadas. Ao tempo, os militantes nacionalistas, maiormente estudantes de bacharelato no Instituto de Carballo, contactaron cos estudantes dos lugares afectados que xogaran un papel chave, canda o membro dos Comité de Apoio a Loita Labrega Paco Felípez, na formación das Comisións Labregas. Ao fin, póñense en marcha, aínda na clandestinidade, os primeiros núcleos das mesmas, destacando  polo seus prestixio e combatibidade o de Lema, arredor de persoas como Oliva Pose, Farruco castro, Manuel Esmoris ou Xosé Aldao. Non será casual que sexa Carballo, neste caso outro domingo de feira en Abril de 1976, a primeira localidade galega que acolle a primeira protesta pública das Comisións Labregas

Baldaio2O 8 de Maio de 1977, arredor de catro mil persoas convocadas polas Comisións Labregas, coa apoio das organizacións que naquela altura conformaban o movemento nacional popular galego, percorreron as rúas de Carballo para esixir o uso público das marismas de Baldaio. A manifestación, que  percorreu a capital de Bergantiños nun Domingo de feira, rematou fronte á casa do Concello, onde toman a palabra, Xosé Esmorís, veciño de Lema e militante das Comisión Labregas, Ramón Valcarce, cura das Encrobas e representante da AN-PG e Xan Fraga, dirixente da UPG  na localidade. Mentres os presentes cantaban o himno galego, a mobilización e rodeaba por membros da Garda Civil, comezando a continuación unha carga indiscriminada con metralletas e mosquetóns, que remata con multitude de feridos, ficando o día, en palabras do xenial humorista de Lema e afiliado das Comisións Labregas Carlos “O Xestal, “Oito de maio, feira en Carballo e hostiazos de carallo”.

Unha parte dos manifestantes, acordan acudir pola tarde ao adro da Igrexa de Lema, co fin de homenaxear ao veciño desta localidade Marcelino Fernández, morto en 1976 a consecuencia do castigo imposto por unhas gardas de seguridade da empresa concesionaria das marismas de Baldaio. Rematado o acto, os concentrados, dirixidos por Oliva Pose, símbolo daquela loita, deciden ocupar as praias de Baldaio, iniciándose unha batalla desigual entre un grupo de mil manifestantes e as forzas de seguridade. As cargas, as bolas de goma, os botes de fume, feriron de consideración a máis cincuenta persoas, sendo internados durante días  no hospital da Coruña, a consecuencia das feridas, Oliva Pose e o seu compañeiro Farruco Castro. Ramón Valcarce, Paco Felipez e Xosé Esmoris, militantes nacionalistas que acudiran a interesarse polo seu estado de saúde, foron detidos no propio hospital, conducidos ao cuartel da Garda Civil, onde foron duramente torturados, remataran na prisión provincial, onde foron liberados diante da presión popular.

A loita de Baldaio non rematará até principio da década dos noventa. O 24 de Xaneiro de 1991, o Tribunal Supremo poñía fin a un litixio xudicial iniciado en 1985 pola Cooperativa de Acuicultores de Lema-Baldaio no que solicitaban a anulación da concesión da empresa Baldayo SL e declaraba o uso público das marismas. Atrás quedaba unha longa loita, con capítulos de dignidade como o feche en setembro de 1977 dos veciños de Lema na Igrexa de Carballo, pero tamén de sufrimento e abusos. Á morte de Marcelino Fernández, sumáselle a malleira ao “Varelo”, que tornaría por deixalo paralítico, ou o acoitelamento á  compañeira dun membro da Cooperativa de Lema-Baldaio, ou o cárcere e as detencións de tantas veciñas e veciños. Porén o clima de terror, a represión ou  a conivencia dos poderes públicos e das forzas de seguridade coa empresa concesionaria, non puideron con perseveranza, coa unidade e a firmeza das xentes de Bergantiños e do conxunto do pobo galego. Como afirmaba en 1994, Oliva Pose: “Custou moito, máis valeu a pena”

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios