Non hai consenso

Sen avances en Meirás, un morto enterrado nunha cuneta

Representantes do PP, do PSOE, de Marea Atlántica, do BNG e de Sadamaioría debateron esta sexta feira nas xornadas de memoria e democracia da UDC na Coruña sobre o asunto do Pazo de Meirás, as maneiras de afrontalo e os posíbeis usos futuros. Non hai consenso nin por onde empezar.

Debate sobre o Pazo de Meirás nas xornadas de memoria da Coruña. 17.11.2017
photo_camera [Imaxe: Erik Dobaño] Debate sobre o Pazo de Meirás nas xornadas de memoria da Coruña.

Que políticas e políticos de diferentes cores e bagaxes senten nunha mesa e discutan sobre que facer ao respecto do Pazo de Meirás despois dun verán no que os herdeiros do ditador e os xestores do espazo chulearon a memoria dun país cos seus presos, torturadas, asasinados e violadas non quere dicir que falen do mesmo problema nin sequera que comprendan o problema.

Cada un vén de onde vén e pode pasar que o PP envíe para falar de Meirás á responsábel de Patrimonio Cultural e que esta diga que nos anos da transición “non estabamos maduros para este debate”, porque quizá sofre amnesia ou non sabe ou non quere saber que nos setenta non eramos inmaturos pero que houbo tutela e foi a das pistolas, pero ela nunca preguntará no seu partido quen eran aqueles que empuñaban as pistolas.

E pode pasar que a representante socialista descoñeza o texto dunha iniciativa que anuncia o seu partido no Congreso para mudar a lei da memoria, porque quizá Concepción Burgo tamén sofre amnesia igual que esquece que o PSOE dispuxo do poder suficiente durante o tempo suficiente para ter derrogado aquela lei de amnistía que blindou todos os crimes.

No debate da tarde nas xornadas de memoria pasaron cousas irrelevantes, que son o sino de moitas políticas de memoria no que vai desde a morte do ditador até hoxe. Mais púxose de manifesto que hai unha fenda entre os partidos que gobernaron o Estado do 77 para acá e as forzas nacionalistas e rupturistas do país. Magoa que o discurso do concelleiro de Culturas da Marea Atlántica, José Manuel Sande, se extraviase en imprecisións sobre un asunto que incomoda o goberno municipal: o de pagar ou non pagar por recuperar bens que se considera que foron públicos ou espoliados. Máis claro foi o alcalde de Sada, Benito Portela, quen sinalou que eles xa fixeron a súa parte modificando o plan de ordenación para que a vila poida resgatar Meirás en canto alguén redacte unha lei que o permita. E moito máis claro e preciso inda foi Xosé Luís Rivas, o deputado do BNG, que se congratulou de que o debate avanzase desde a discusión sobre se Meirás debía ser ou non Ben de Interese Cultural até empezar a falar en serio sobre fórmulas de recuperación.

Porén, o consenso é fráxil. E a lea está hoxe nesas fórmulas sobre quen e como debe reclamarse o Pazo. O PP di que nunha reunión de xuristas baixo o paraugas do Parlamento galego, os socialistas que si no Parlamento pero cunha comisión, o BNG aposta en que sexa cousa dos concellos e da deputación reunidos na Xunta pro Devolución que xa botou andar. Semella esta unha cuestión de superficie, porque no fondo o problema (e de Meirás) segue no mesmo punto que cando morrera o ditador. Segue habendo silencio, medo e ningunha reparación. “A xente segue pensando delas, das vítimas, que algo farían”, dixo Rivas.

No fondo está a cuestión da democracia, da calidade desta democracia. E quedou en evidencia no enfrontamento entre a voceira popular e o parlamentario nacionalista. “A verdade é a verdade digan o que digan os xornais, a xente sabe a verdade e sabe o que pasou e que esta é unha democracia que naceu sobre medos e interrogantes”, dixo Rivas e fíxose un silencio incómodo. O Meirás que uns queren converter nun antídoto e que perturba outros poderá ser grande símbolo do mañá, pero hoxe é só outro morto enterrado nunha cuneta.

Comentarios