O caso Joaquín Álvarez Lores
Esta maneira de afastármonos da verdade é a herdanza do medo; do terror imposto polos criminais, tremor que pasou a novas camadas da sociedade. Moitos herdeiros dos masacrados detectaron que non podían reaxir en tempo e forma, mesmo que tiñan que contemporizar co ambiente de chumbo imposto pola violencia; “algho farían” dicíase nunha parte da sociedade do Grove até a década dos anos dous mil, no que comezaron a divulgarse feitos e circunstancias, a saberse que falanxistas, cívicos, gardas, militares e empresarios da conserva actuaran organizados contra as ansias de mudanza dos sectores progresistas e das clases oprimidas.
Neses primeiros anos da década de 2000, Fabièn Garrido aloxaba nun sitio web, con dominio francés dado o seu nacemento e residencia en Francia, as memorias de seu pai, Ramón Garrido Vidal (O Grove, 1916-Les Lilas, Sena-San Denis, Francia, 1995); militante comunista exiliado na Bretaña, participando na resistencia á invasión nazi; encarcerado; responsábel político, obreiro metalúrxico, sindicalista...
As memorias de Ramón Garrido Vidal botaran uns anos na rede, en dominio público, sen que fosen obxecto de maior atención. Cando comezaron a ecoar foi logo da súa subida ao sitio web da Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica do Grove, desde a que se fai eco a obra de Aurora Marco (2003) dedicada a Ramiro Paz. Cos primeiros traballos da iniciativa da recuperación da memoria no Grove, e as homenaxes de lembranza aos perseguidos e asasinados,comezaron as reaccións familiares dalgúns dos sinalados como principais protagonistas da represión.
Dous fillos do “ex alcalde das ditaduras” (Primo de Rivera, Bienio Negro, e primeiros anos do franquismo) Joaquín Álvarez Lores (O Grove, 1898-1981) presentaron demanda no xulgado de Cambados, no ano 2006, contra Ramón Garrido Vidal, que falecera en 1995, para que se “…elimine del dominio free.fr, el contenido de la página http://btysses.free.fr/espagne/Cuando_estallo_la_guerra_html, y subsidiariamente, para el caso que no se proceda a eliminar el contenido de dicha página, una vez verificado, se proceda al bloqueo de la misma”.
O auto do xulgado cambadés, sen escoitar a parte demandada, é inmediato á presentación da demanda, nel ordena a desaparición cautelar dese sitio web, de dominio francés, sobre o que non ten competencias, polas referencias directas ao ex alcalde Joaquín Álvarez Lores, “imputándole hechos tales como que era vox populi que se dedicaba a realizar listas de paseados” e fai consideracións sobre os dereitos á liberdade de expresión e de información, ademais do dereito ao honor, á intimidade ou á propia imaxe.
Contendo un parágrafo que non semella acaído “rememorar, tantas décadas después, lo que mediáticamente se llama ahora “memoria histórica” de una forma revanchista, incontrolada, aviesa o sin datos ciertos y serios que acrediten lo que se afirma, vulnera de forma cierta el honor y la fama de las personas y sus familias…”.
Ningunha referencia a que se trata das memorias dunha persoa contemporánea e veciña de quen se pretende protexer a honorabilidade, de que son varias páxinas de textos escritos por un dos protagonistas da historia á que se refire en primeira persoa, asinando co seu nome e apelidos; que tanto o ex alcalde presuntamente manchado, como o redactor dos escritos faleceran había máis de 25 e 15 anos respectivamente…
Queres continuar lendo este artigo? Procura o Nós Diario que atoparás nos quiosques ou para a súa lectura dixital na nosa loxa. Para organizarte mellor ante futuras entregas, recomendámosche facer a subscrición canto antes!