Os “atentados contra o Patrimonio” que cobrarían os Franco

Un dos obxectivos da familia, segundo o responsábel da inmobiliaria santanderina á que encargaron a venda das Torres, sempre foi “desfacerse dun inmoble cuxos gastos de mantemento o fan insufragábel”. Esa “insufragábel” cantidade –máis xuros– reclamaríana os Franco ás arcas públicas de prosperar a demanda para restituír a súa posesión ao Estado Español, pese a que expertos cuestionan a calidade e o respecto á legalidade de moitas das obras que alí realizaron ao longo dos anos. Eis un extracto da reportaxe publicada no número 358 do semanario en papel Sermos Galiza.

PAZO DE MEIRAS, SADA, A CORUÑA.
photo_camera [Imaxe: H. Pena] Interior do Pazo de Meirás.

m_2_MeirasQuizais o aspecto máis controvertido en relación coa demanda de recuperación pública do Pazo de Meirás sexa a posibilidade de que os Franco reciban unha compensación económica en concepto de liquidación do que, tecnicamente, se coñece como estado posesorio, algo que no seu momento a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, cualificara como “unha labazada ás vítimas e á dignidade de Galiza”.

Na propia querela recoñécese explicitamente que “no caso de prosperar [...] non é intención desta parte negar á contraria a aplicación do disposto nos artigos 451 e seguintes do Código Civil e, por conseguinte, manifesta esta representación procesual a vontade do Estado de abonar aos demandados os gastos que legalmente proceda aboar, previa acreditación da súa realidade e importe”.

Esta figura xurídica, presente no Código Civil do Estado español dende 1889 –e que non se modificou nestes últimos 130 anos–, é unha “cuestión menor e inevitábel que se introduce en calquera procedemento no que se discute a propiedade dun ben”, segundo comenta, en declaracións a Sermos Galiza, José Manuel Busto Lago, catedrático de Dereito Civil da UDC e un dos once membros da Comisión de Expertos sobre o Pazo de Meirás promovida polo Parlamento. “Cando se estima que o propietario é outra persoa distinta da que o ten no seu poder, é necesario compensar aqueles gastos que acreditadamente se fixesen e que redundasen en que se mantivese nas súas condicións actuais ou nun aumento do seu valor”, apunta.

Pero, realmente, as actuacións dos herdeiros do ditador en Meirás foron en beneficio da conservación do patrimonio moble e inmoble? O investigador Carlos Babío, coautor do libro Meirás: un pazo, un caudillo, un espolio, considera que “en absoluto”. “Se algo caracterizou os Franco foi o desleixo e a falta de mantemento absoluto da propiedade. Por exemplo, xunto á casa dos guardeses instalouse a finais dos anos 50, principios dos 60, un portalón que foi desmontado para, no seu lugar, poñer formigón puro e duro. Como se vai indemnizar tal atentado contra o patrimonio cultural?”, engade.

Obras non autorizadas

Babío emprega unha experiencia persoal da súa etapa como concelleiro de Obras e Servizos en Sada para exemplificar a forma de actuar da familia Franco en Meirás: “Eles críanse os donos do Estado, até o punto de que nunca se someteron a ningún tipo de licenza nin control. Unha vez parámoslles unha obra de reposición dun muro de contención nun dos camiños que estaban a executar, en primeiro lugar porque carecía de licenza municipal, e en segundo lugar porque estaban substituíndo a pedra que caera por formigón, moito máis barato”.

E parece non ser o único caso. A principios do ano 78 o pazo foi gravemente danado por un incendio cuxas auténticas causas aínda están por determinar, permanecendo en estado de semiabandono durante case dúas décadas, até que se levaron a cabo uns “custosísimos” –nas propias verbas de Francisco Franco y Martínez-Bordiú– traballos de restauración que se prolongaron entre os anos 1998 e 2002. Con relación a estas obras, Busto Lago sinala que para recuperar os danos dese lume “fíxose un investimento, e se o pazo xa estivese posuído polo Estado ese investimento tería que ser realizado polo propio Estado. Logo, se poden acreditar o valor desas obras, e que eles as pagaron, habería que compensalos, pois esas actuacións redundaron no valor do ben que se recibe”.

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 358 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios