A Asociación Suárez Picallo acusa o Estado de discriminación ao negarlle o uso do pazo de Meirás

A entidade cultural asegura que o Goberno español rexeitou unha petición para realizar un acto atendendo á "situación xurídica do inmoble" pero tempo despois -e coas mesmas condicións- autorizou outro evento no lugar.
Xente en Meirás o día que se abriron os xardíns ao público. (Foto: M. Dylan / Europa Press) #meirás #pazodemeirás #franco #estado #reapertura #memoriahistórica
photo_camera Xente en Meirás o día que se abriron os xardíns ao público. (Foto: M. Dylan / Europa Press)

A Asociación Cultural Suárez Picallo acusa ao Goberno español de caer nunha "diferencia de trato intolerábel" ao denegarlle un permiso para organizar un acto no pazo de Meirás ao tempo que si concedía autorización para outros eventos.

A entidade denuncia que tiña solicitada a utilización dos exteriores do pazo para un acto institucional o pasado 16 de agosto. Quería promover unha homenaxe ás persoas de Sada "asasinadas polo franquismo" pero o Estado "denegou" o permiso "en atención á situación xurídica do inmoble...".

"Xusto un mes máis despois, o pasado día 16 de setembro, coa mesma situación xurídica, autorizouse un acto de entrega de medallas ligadas a persoas que merecen recoñecemento no campo da igualdade (que nós non cuestionamos)", destaca o colectivo.

Non entran no debate da diferencia dos actos senón na "diferente vara de medir do Goberno do Estado", que consideran "non é casual".

En consecuencia veñen de remitir unha carta ao director xeral de Patrimonio do Executivo español e ao secretario de estado de Memoria Democrática para expresar "o profundo malestar pola arbitrariedade e desigualdade no trato".

"Non comprendemos por que un sinxelo acto de homenaxe ás vítimas dun pobo de 16.000 habitantes se prohibe e, no entanto, se permiten actos políticos que pretenden volver a enganar á poboación cun relato tan falso como o foi no seu día a doazón voluntaria, que non é outro que ocultar o espolio e a etapa negra da nosa historia recente", indica a agrupación na misiva.

Respecto á memoria

Para a Asociación Suárez Picallo, como para o movemento memorialista e outras organizacións, é fundamental que "entre os usos aos que se destinen as edificacións do Pazo, se respecte a historia recente do mesmo en relación co espolio e a ditadura, sobre todo para que non se repitan feitos similares".

En contraposición, aseguran que outras "institucións pretenden a exclusividade" e inciden en que diversos actos poden ter cabida no complexo.

"Desde a ACISP seguiremos a traballar para que non se oculte unha parte da historia, falando exclusivamente de outra que non negamos, pero que nunca permitiremos que sexa excluínte", avisan.

Comentarios