A asociación cultural A Revira pide a retirada do nome dun fascista do rueiro de Pontevedra

Demanda a substitución da avenida dedicada ao militar e ex ministro de Franco José María Fernández Ladreda, que fora alcalde de Oviedo na ditadura de Primo de Rivera.


A asociación cultural A Revira apela á Lei de Memoria Histórica de 2007 para reclamar ao Concello de Pontevedra que, no seu labor de retirada da simboloxía que o fascismo esparxiu pola cidade, elimine do rueiro da cidade a avenida Fernández Ladreda. 

Co nome desa rúa non se quixo homenaxear o guerrilleiro republicano Baldomero Fernández Ladreda --executado a garrote vil en 1947-- senón o militar José María Fernández Ladreda, alcalde de Oviedo durante a ditadura de Primo de Rivera e encargado de organizar a represión contra o bando republicano que se exerceu nesa cidade após o levantamento fascista do 36, sendo ministro de Obras Públicas durante seis anos da ditadura. 

Por esta razón, desde a asociación pontevedresa cualifican de "incomprensíbel e vergoñento" se se manteña esta avenida. Desde o cargo que ocupaba, o político franquista recibía a pleitesía dos municipios como preámbulo á concesión de obras.

"Non é digno de nomear unha rúa na nosa cidade", di A Revira nun comunicado enviado aos medios de comunicación en que reclaman que se mude a denominación desa avenida por outra "vinculada á tradición galega e popular" da cidade, un proceso que o Goberno local acometeu xa coa maior parte da simboloxía fascista.

Comentarios