Xa dispoñíbel o primeiro cupón do 'Cartafol de ilustracións do Reino da Galiza': así podes obtelo

É unha iniciativa de MAOS Innovación Social coa colaboración de 'Nós Diario', no marco do Fondo de proxectos culturais Reino de Galiza da Deputación da Coruña.
Detalle das láminas que inclúe o cartafol. (Ilustracións: MAOS)
photo_camera Detalle das láminas que inclúe o cartafol.

O Cartafol de ilustracións do Reino da Galiza, elaborado por diferentes ilustradoras da man de MAOS Innovación Social, está xa a piques de saír do prelo. Na contracapa do xornal desta terza feira, 20 de setembro, Nós Diario ofrece o primeiro dos cinco cupóns para conseguilo, que se entregarán cada día até o próximo sábado, día 24.

Para non quedar sen o teu cartafol é preciso gardar eses cinco cupóns e pegalos na cartilla que se distribuíu no xornal do pasado sábado e entregala unha vez completada no quiosque de referencia a vindeira segunda feira, día 26.

Cartilla do cartafol de ilustracións.
Cartilla do cartafol de ilustracións.

 O cartafol poderá recollerse nese mesmo quiosque no que se fixo a reserva entre a cuarta feira, día 28, e a sexta, 30. Esta recompilación de ilustracións un custo de 2 euros por gastos de xestión e distribución.

Unha coidada colección de dez láminas

Estamos ante un cartafol con dez láminas no seu interior, que versarán sobre diferentes episodios do pasado medieval do país, cuxos momentos históricos seleccionados xiran ao redor da figura de diferentes mulleres destacadas do medievo galego: Ilduara Eiriz, Sancha I, Dona Urraca, Lupa Pérez de Traba, Tareixa Alfonsez, Maior Guntroda Rodríguez, Sancha II,  Aldonça I, Inés Pires de Castro, María Castaña e María, a Balteira.

Estas láminas estarán ilustradas por diferentes artistas galegas, achegándonos á historia a través da arte e, en varios casos, pondo cara por primeira vez a moitas destas mulleres. Ademais, contarán no seu reverso con textos biográficos sobre os acontecementos máis relevantes da vida de cada unha das protagonistas, correspondentes á representación artística da face dianteira.

O matiz de xénero vese acentuado ao contar coa colaboración de cinco destacadas artistas contemporáneas da Galiza. Elas son: Iria Fafián (1988), muralista e ilustradora, coñecida polos seus proxectos de caixas de luz; Laura Romero (1991), ilustradora, urban sketcher, presidenta da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) e baixista de Zënzar; María Montes (1987), auxiliar de veterinaria e ilustradora merecedora do premio ao Mellor Libro Ilustrado na Gala do Libro Galego 2020; Nuria Díaz (1982), que conta cunha fonda traxectoria en diferentes ámbitos da ilustración e encargas moi diversas, desde traballo editorial até ilustración de produto; e Minia Regos (1983), muralista e ilustradora, que ademais imparte obradoiros ao redor da lectura e da arte.

Elas encargáronse de plasmar nas láminas as mulleres destacadas do medievo galego. Cada unha ilustra dúas das láminas deste cartafol. Partiron dunha selección ampla de mulleres medievais, a partir da cal cada artista fixo unha selección sobre as figuras que máis lle interesaba representar.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios