As guerrillas galegas ao descuberto

Arqueoloxía no mundo rural: A loita guerrilleira no noroeste peninsular

A inicios dos anos 40, Alfredo Real era un rapaz de Soutadoiro, no actual concello de Carballeda de Valdeorras (Ourense), que percorría diariamente os montes coas ovellas da súa familia. Normalmente non adoitaba atopar moita xente polos montes, mais unha mañá cruzouse con dúas mulleres con fusís na ombreira. Eran Chelo e Antonia, de Soulecín, dúas labregas que tiveron que fuxir aos montes de Casaio e que vivían nun lugar que elas coñecían como a "Cidade da Selva". As mulleres convidaron a Alfredo a almorzar nun dos campamentos da guerrilla e o Alfredo pensou que sería boa forma de matar a fame cotiá deses tempos tan duros. No campamento, sito no val da Bruña, atopou un grupo de cerca de 20 persoas e, ben lembrou Alfredo cando o entrevistamos, varios xamóns colgados dunha das chozas que compoñían o campamento. Desde entón, Alfredo axudou a guerrilla levando paus a cambio dun diñeiro que para el e para a súa familia supoñían unha salvación.
casaio cidade da selva guerrilla

Unha das principais características da guerrilla antifranquista no noroeste peninsular é a importancia que tivo na súa conformación o mundo rural e o compoñente labrego. De feito, unha parte moi significativa das guerrilleiras e guerrilleiros que integraron a coñecida como Federación de Guerrillas de León-Galicia tiña unha orixe campesiña. Doutra banda, foi nas contornas rurais onde esta fase da guerrilla en particular tivo un desenvolvemento máis forte. Isto non implica que non houbera guerrilleiros -sobre todo homes- pertencentes á clase obreira ou a distintas profesións liberais ou que a guerrilla non tivese desenvolvemento nas cidades. Porén, a ligazón co mundo rural foi moi estreita, até o punto que o centro de operacións da Federación foi unha contorna especialmente rural, como foi a Cidade da Selva e Casaio en Carballeda de Valdeorras. Baixo o noso punto de vista, esta ligazón co mundo rural é aínda máis estreita por dúas razóns. En primeiro lugar, manexamos a hipótese de que a guerrilla no noroeste pode ser entendida non só como unha loita pola recuperación da democracia representada na II República, máis tamén como un movemento de resistencia das sociedades labregas ante a imposición das dinámicas económicas e sociais do franquismo no mundo rural. En segundo lugar, pensamos que a guerrilla foi, xunto co impacto da industrialización do volframio, un dos factores máis importantes de modernización do mundo rural nos montes da Serra do Eixe.

Se ben o estudo da guerrilla antifranquista conta con unha relativamente longa, aínda que irregular, historiografía, os estudos arqueolóxicos sobre este fenómeno son moi recentes. De feito, o único referente no caso do noroeste peninsular e concretamente de Galiza foi a análise arqueolóxica da Batalla de Repil (Monforte) a cargo do arqueólogo Xurxo Ayán. Esta batalla tivo lugar en abril de 1949 e supuxo o desmantelamento do destacamento Santiago Carrillo da IIª Agrupación do Exército Guerrilleiro de Galiza, establecido na casa dunha familia labrega de Cereixa, aquela da familia dos Amaro. Repil foi un dos momentos cruciais da confrontación entre a guerrilla antifranquista e a Garda Civil, sendo un punto de non retorno e de decadencia para o fenómeno guerrilleiro en Galiza. Grazas aos estudos arqueolóxicos, puidéronse non só coñecer detalles de gran relevancia do desenvolvemento desta batalla, máis tamén o impacto que tivo sobre a familia campesiña e as mudanzas na vida cotiá labrega durante os anos 50. 

A guerrilla foi, xunto co impacto da industrialización do volframio, un dos factores máis importantes de modernización do mundo rural nos montes da Serra do Eixe

Doutra banda, en termos patrimoniais, o proxecto de Repil tamén supuxo un revulsivo para a comunidade local, que tivo que confrontar unha memoria traumática do seu pasado recente. A nosa investigación en Casaio é directo debedor deste proxecto.

O proxecto Sputnik Labrego

O proxecto Sputnik Labrego naceu no ano 2017 co fin de analizar as dinámicas de resistencia e de resiliencia das sociedades labregas na longa duración histórica a través dunha análise arqueolóxica e antropolóxica. Dende esta perspectiva, un caso de estudo moi interesante, polas razóns antes mencionadas, era a guerrilla antifranquista e a Cidade da Selva, un entorno que, segundo o arqueólogo Alfredo González Ruibal, esperaba polo traballo dos arqueólogos. A Cidade da Selva -nome dado polos guerrilleiros asturianos que se incorporaron á loita guerrilleira en Casaio entre 1940 e 1941- era xa coñecida na historiografía como o lugar onde se estabeleceu o Estado Maior da Federación de Guerrillas de León-Galicia. Porén, como era esta Cidade da Selva e o que implicaba en termos materiais era aínda descoñecido. Así, e durante os últimos catro anos, o noso grupo levou a cabo varias campañas de prospección e escavación arqueolóxica que deron lugar á detección de 22 campamentos e a escavación de seis destes, coa documentación dun dos maiores conxuntos de obxectos arqueolóxicos atopados en contexto e vinculados a unha guerrilla no occidente europeo.

Estes campamentos da guerrilla -que nomeamos a través da toponimia local actual- componse de varias estruturas feitas en pedra local (chozos ou cabanas) construídas en diversos puntos de difícil acceso mais sempre en conexión cos cursos dos ríos e as vías naturais de comunicación. A maioría destes chozos foron utilizados como vivendas para durmir, aínda que tamén temos atopadas estruturas que servían para a vixía ou para almacenar as armas e alimentos da guerrilla. Non só utilizaban este tipo de estruturas para desenvolver a loita armada, senón que, sobre todo nos momentos iniciais da represión e a fuxida ao monte, tamén ocuparon estruturas e contornas xa existentes, como os apiarios e as covas. Foi precisamente na escavación dunha destas covas, situada na zona coñecida como Ana de Vacas, onde atopamos unha lanterna cunha pila de carbono dentro -un obxecto, a pila, que atopamos en practicamente todos os campamentos escavados-, o que nos fala das estratexias da comunicación da guerrilla, usando a luz para transmitir mensaxes entre os distintos sitios.

Un dos aspectos máis significativos da guerrilla no noroeste foi o importante compoñente local e campesiño

Comentabamos ao inicio que un dos aspectos máis significativos da guerrilla no noroeste foi o importante compoñente local e campesiño. Isto pode verse perfectamente nas estruturas dos campamentos. A zona central da Cidade da Selva atópase artellada en torno a dous escarpados vales, coñecidos como Bruña e Morteiras. No primeiro destes vales temos atopados dous campamentos distintos, que tivemos a oportunidade de escavar. O situado na parte máis alta do val é precisamente onde o pequeno Alfredo estivo cos guerrilleiros almorzando e, exactamente como a súa memoria recolleu, conformado por tres edificios distintos construídos preto dunha chaira que, segundo nos contaba Alfredo, foi utilizada polos guerrilleiros para xogar aos bolos e facer música. Este é o grado de control que tivo a guerrilla dos montes de Casaio onde se dicía que era o único onde ondeaba a bandeira republicana. A estrutura que puidemos escavar no campamento da Bruña, rectangular e feita de pedra como as outras, amosaba unha característica curiosa, isto é, dúas estruturas a modo de grandes columnas de pedra na parte dianteira do edificio. A comparación coas casas tradicionais de Casaio déronnos a resposta: tratábanse de dúas columnas para soster un piso superior do chozo. Esta ligazón tan estreita entre a arquitectura da zona e os chozos da guerrilla amosa o importante compoñente local e campesiño, e o seu coñecemento tradicional, para a instalación dos campamentos e a loita guerrilleira.

A alimentación e a hixiene guerrilleira

Como comentabamos, as nosas escavacións tiveron como resultado a localización dun importante conxunto material que, grazas ás análises que puidemos facer, nos proporcionaron unha gran cantidade de información sobre diversos aspectos ligados á vida cotiá da guerrilla e a súa ligazón coas comunidades locais e a contorna rural. Aquí só falaremos de dous: a alimentación e a hixiene. Un dos campamentos máis grandes dentro da Cidade da Selva é o campamento de Morteiras, formado por cerca dunha ducia de estruturas. Unha das máis interesantes é a que denominamos Morteiras-1, que interpretamos como un almacén e tamén como un espazo para xantar. Ligado a esta estrutura atopamos un importante conxunto de ósos, froitos e legumes que mostran o tipo de alimentación que tivo a guerrilla durante a ocupación da estrutura. Así, sabemos non só que as guerrilleiras e guerrilleiros tiveron unha alimentación especialmente boa, polo menos nos últimos momentos de ocupación da estrutura, senón tamén que criaban animais nos campamentos. Isto sabémolo porque atopamos anacos de mandíbulas de ovellas ou cabras -especies moi difíciles de distinguir a nivel óseo-, materiais que non atoparíamos senón criasen as bestas alí. Grazas ás entrevistas orais sabemos que estes guerrilleiros compraban os animais ás xentes da contorna, moitas de elas familiares directos. Establecíase así una conexión moi forte entre a vida cotiá da guerrilla e as dinámicas sociais e económicas das comunidades locais.

A guerrilla xogou un papel importante na introdución de novos costumes sociais ligados á hixiene

Outro elemento que sinala a importancia da guerrilla na introdución de novos costumes sociais son os obxectos ligados á hixiene. Na escavación de varios destes campamentos atopamos varias cremas de mans e de dentes -de distintas marcas coñecidas na época como Nievina, Perborol ou Profiden- así como espellos de man ou tesoiras para cortar as uñas. Estes obxectos son un reflexo directo da importancia da hixiene e da súa organización para a guerrilla, que tiña que sobrevivir no monte durante longos períodos de tempo. E tamén amosaría a guerrilla como factor de introdución de novos produtos no contexto da Galiza rural dos anos 40, onde este tipo de rituais de hixiene aínda non estaban incorporadas na vida cotiá. Doutra banda, a aparición da crema de mans marca Nievina sería un marcador da presenza da muller na Cidade da Selva, xa que foi un produto moi utilizado polas mulleres da época.

O señor Alfredo faleceu hai máis de dous anos, e con el desapareceu a súa memoria, un tesouro que tivemos a sorte de partillar aínda que fose só por un tempo moi reducido. Unha memoria sobre uns tempos que para nós é un territorio descoñecido sobre o que queremos saber algo máis, mais que para Alfredo e para a xente de Casaio estivo cheo de violencia, trauma e tamén de loita e de esperanza. A arqueoloxía da Cidade da Selva está non só a profundar nese período de grandes mudanzas para as sociedades labregas senón, pensamos, como método terapéutico dos traumas do pasado que subsisten no presente do mundo rural.

Comentarios