Abandeirados do golpe militar e a represión fascista

Armadores, conserveiros e fabricantes

En contraste co ambiente popular, na Ría de Vigo a Patronal pesqueira, e por extensión a de todo o “negocio marítimo”, apoiou o movemento faccioso.  Así o recolle o Editorial da Revista Industrias Pesqueras, voceiro da Asociación General de Industrias Pesqueras y sus Derivados, moi vinculada aos colectivos patronais de Vigo e Bouzas a través de sinalados membros do seu Consello Editorial, tal que os armadores Manuel Domínguez Macaya e Santiago Montenegro Costas.

A fábrica de conservas de Vieta en Muros foi campo de concentración para presos políticos, sendo derrubada recentemente. (Foto: Arquivo Dionisio Pereira)
photo_camera A fábrica de conservas de Vieta en Muros foi campo de concentración para presos políticos, sendo derrubada recentemente. (Foto: Arquivo Dionisio Pereira)

A patronal do mar cos fascistas

O mozo Portanet falaba con coñecemento de causa, xa que era fillo de Pedro Jesús Portanet, de quen se di que puxo o capital ao servizo do exército rebelde.

A afinidade da maioría dos grandes armadores e fabricantes vigueses cos insurrectos foi, daquela, explícita dende os inicios e así se demostra na designación da primeira Xestora Municipal por parte dos militares: o conserveiro Juan Cerqueira Domínguez, xefe local de Falange ensetembro de 1936, ocupou a área de Arte e Cultura, en tanto que o armador Javier Sensat estará a fronte dos abastecementos públicos, o conserveiro José Albo ocuparase do alumeado, Eugenio Fadrique (dono da metalgráfica “La Artística”) encabezou a Comisión de Facenda, a responsabilidade do Servizo de Augas recaeu en Manuel Canellas, xerente de “La Metalúrgica”, militar de carreira e achegado á referida Asociación General de Industrias Pesqueras...

Ademáis, as directivas da Falange local no tempo inmediato ao golpe, estiveron inzadas de industriais conserveiros: rematado o seu mandato, a Cerqueira substituíuno Juan Yáñez Tapias, fillo do fabricante Paulino Yáñez, e un ano máis tarde, en setembro de 1937, Adolfo Quirós Mateos, fillo do conserveiro Adolfo Quirós González, acompañaba o propio Cerqueira no grupo dirixente dos falanxistas olívicos3.

Á recíproca, catro presidentes da susodita Unión de Fabricantes de Conservas entre 1939 e 1961, vestiron farda da Falange: Francisco F. Cervera, Ventura Cerqueira, Gaspar Massó e Antonio Alfageme.

A mesma adhesión incondicional da clase armadora, conserveira e salgadeira aos sublevados, vaise repetir na maioría da beiramar galega, quer nas Rías Baixas, quer nas Altas e na Mariña lucense: dende Muros a Espasante e Cariño; dende Cangas, Moaña e Marín a Malpica; dende A Pobra e O Grove até Viveiro; dende Bueu e A Illa de Arousa até Foz.Como exemplo, nesta última localidade figuraron na Falange os cinco principais armadores, a carón dos conserveiros José Sanjuán, Eugenio Álvarez Ladra e José Insua, algúns deles tamén con fábrica en Viveiro.

A ‘xustiza de clase’

Consolidado o movemento militar, quizais en poucos sitios da xeografía galega como nas Rías Baixas e tamén nalgúns portos das Rías do Norte como Cariño, ficou tan ás claras a “xustiza de clase” que unha parte significativa da Patronal organizada alentou os militares para que se aplicase, ás veces de xeito “directo” mediante as actividades criminais dos falanxistas e distintos grupos paramilitares, aos dirixentes dos extintos sindicatos mariñeirosque tantos problemas lles deran na República.

Sirva para calibrar a persecución do sindicalismo tradicionalmente combativo no universo das motoras da sardiña nas Rías Baixas, o feito de que dos 20 compoñentes da comisión de tripulantes que negociou en Vigo, a comezos de maio de 1936, os prezos da sardiña e os cupos de capturas cabo da Patronal pesqueira e conserveira nun contexto especialmente conflitivo, 4 foron fusilados ou asasinados pola brava (José Paz, de Moaña; José Millán, de Aldán; Perfecto Allo, de O Grove; e o alcalde de Bueu, Johan Carballeira, que representara os mariñeiros e pequenos armadores de Sanxenxo), 7 tiveron que aturar un Consello de Guerra e fortes penas de prisión e outro (Antonio Fernández, de Cangas) debeu andar agachado tres anos para zafar dunha morte segura.

Para continuar coa lectura deste episodio histórico non tes máis que ir ao quiosque ou entrar na nosa tenda online para mercar o Nós Diario de hoxe. Non fiques sen máis coleccionábeis coma este e xestiona a túa subscrición agora mesmo!

Comentarios