Vítimas e verdugos

O aparello represivo en Bueu

O plan represivo en Bueu buscaba o exterminio de todos os dirixentes locais da Frente Popular (galeguistas, socialistas, comunistas), dirixentes sindicais (UXT, CNT), sindicalismo mariñeiro (El Adelanto Marinero) e organizacións sociais como El Progreso de Beluso. Foron asasinados cinco membros do Goberno municipal: o alcalde Johán Carballeira (PG), o tenente de alcalde Francisco Piñeiro (PSOE) e mais tres concelleiros: Francisco García Villanueva (JSU), Francisco Escáneo Franco (PG)e José de la Torre López (PC). Tamén perderon a vida, entre paseados, fusilados e encarcerados no penal de San Cristóbal (uns na fuga do 38 e outros polas malas condicións de vida no cárcere), máis de vinte veciños da vila.
Panorámica de Bueu en 1940. (Foto: Arquivo Xosé Novas)
photo_camera Panorámica de Bueu en 1940. (Foto: Arquivo Xosé Novas)

Cronoloxía dunha represión

Na terza feira 21 de xullo de 1936 ás 15 horas, o alcalde Carballeira é chamado polo subdelegado de pesca Gonzalo Torrente, pai do escritor Torrente Ballester, para que se achegase á Subdelegación, tras recibir un escrito do xefe do Polígono de Tiro de Marín Jaime Janer. Ás 16 horas, mentres Carballeira estaba co subdelegado de pesca, preséntase un oficial do Polígono de Marín acompañado dalgunhas forzas cunha orde para que o subdelegado se fixese cargo da alcaldía como autoridade militar.

Na sexta feira 31, prodúcese a detención do concelleiro Francisco García Villanueva. Intentan pasealo pero logra fuxir con vida. Posteriormente, o 7 de decembro, será apresado outra vez e paseado conxuntamente con outros catro veciños da vila.

O sábado 8 de agosto deteñen José de la Torre López, militante do Partido Comunista, que fora nomeado membro da xestora municipal, e a Manuel Ríos Pérez, membro do Partido Galeguista.

José de la Torre será finalmente paseado o 25 de setembro en Marcón, Pontevedra. Manuel Ríos Pérez, despois de estar preso no campo de concentración da illa de San Simón, e após cumprir condena no penal de San Cristóbal, en Pamplona, e na prisión de Figueirido (Vilaboa), logrará recuperar a liberdade.

O 31 de agosto deteñen o veciño Angélico Mauricio, de ideoloxía socialista (será xulgado posteriormente nun Consello de Guerra, condenado a cadea perpetua, e acabará morrendo na fuga do 38 do penal de San Cristóbal, en Pamplona).

O 3 de setembro deteñen un grupo de sindicalistas acusados de reunión clandestina. Trátase de Francisco Padín Novas, Salvador Barreiro Cestay, Eugenio Dios González, José Rivero Novas, Jesús Malvido Menduíña, José Bernárdez Santaclara e Manuel Pais Refojos.

Serán xulgados posteriormente nun Consello de Guerra e condenados a cadea perpetua, que cumprirán no penal de San Cristóbal, en Pamplona. Algúns morrerán no intento de fuga do 38 e outros acabarán recuperando a liberdade despois de anos na cadea.

Queres seguir debullando esta cronoloxía? Este capítulo do coleccionábel 'Os nomes do terror' sae publicado no Nós Diario que atoparás hoxe nos quiosques e na nosa tenda online. Non fiques sen saber que pasou noutras vilas e fai xa a túa subscrición!

Comentarios