Aparece o neto da presidenta de Avoas da Praza de Maio 36 anos despois

O nome do neto 114 atopado dos centos de nenos e nenas desaparecidos na ditadura arxentina era o do seu propio neto. As Avoas da Praza de Maio festexan a aparición do neto da súa presidenta, Estela de Carlotto. 

Estela de Carlotto
photo_camera Estela de Carlotto

A noticia conmocionou a Arxentina. Máis de trinta e cinco anos despois do seu nacemento e desaparición, o neto da presidenta de Avoas da Praza de Maio, Estela de Carlotto era o 114 atopado no infatigábel traballo das mulleres por dar cos seus netos e netas arrebatados pola ditadura arxentina. 

A presidenta de Avoas, Estela de Carlotto, verdadeiro símbolo da loita pola memoria e a recuperación das persoas desaparecidas na ditadura, deu unha rolda de prensa máis para anunciar a aparición dun novo neto mais, desta volta, os que a acompañaban eran seus propios familiares. En roda de prensa, relataba de Carlotto a aparición de Guido, o número 114 dos netos recuperados, fillo da súa filla Laura, asasinada o 25 de agosto de 1978 despois de dar a luz o seu neno o 26 de xuño de 1978. 

“Eu nunca fun de loita aberta mais ela dicíalle aos seus captores que “a miña mamá non se vai esquecer do que nos están facendo”, explicou Estela de Carlotto na súa emocionada aparición pública. Foi o propio Guido, como en tantos casos e como animan a facer as avoas, o que buscou a súa procedencia ate confirmar coas probas xenéticas a súa filiación. “O que eu quería era non morrer sen abrazalo”, afirmou de Carlotto, desexo que se verá proximamente cumprido, ao toparse co seu neto, un músico e profesor que tiña feito composicións nas que reclamaba a recuperación da memoria. 

Estela de Carlotto, canda outras avoas, comezou a busca de seu neto despois de coñecer o asasinato da súa filla Laura e saber do nacemento do seu neto. Segundo testemuñas, só cinco horas puidera compartir Laura co seu fillo Guido antes de morrer. 

Comentarios