Aparece na Galiza a primeira ánfora romana fabricada en África, que empregaban para levar viño

Malia que a peza fora recuperada hai moitos anos por un veciño de Carril, o certo é que a mantivo no seu poder até 2014 e non foi até agora cando a colaboración da Universidade de Vigo permitiu identificar o utensilio “con precisión”.

Anaco da ánfora romana atopada en Cortegada. (Foto: Consellaría de Medio Ambiente)
photo_camera Anaco da ánfora romana atopada en Cortegada. (Foto: Consellaría de Medio Ambiente)

Galiza escribe outro capítulo na súa historia grazas ao achado, e recente estudo, da que é a primeira ánfora da época romana detectada no país. Como curiosidade transcendeu que esta era empregada para “transportar viño africano”, pois quedaron mostrar no seu interior.

A peza foi localizada por un veciño de Carril hai décadas. Estaba na illa de Cortegada cando apareceu a peza pero a gardou até 2014, cando decidiu entregala ao Parque Nacional.

Foi a partir de entón cando comezou o traballo para investigar máis sobre este obxecto, para o que se contou coa colaboración da Universidade de Vigo, que axudou a identificar “con precisión” a ánfora.

Polo que confirmou a Consellaría de Medio Ambiente, a peza é de tipo Dressel 2-4, un dos que era máis común no Mediterráneo entre o século I antes de Cristo até o século I d.C. O elemento non está completo pero si conserva pescozo e boca.

Segundo as e os expertos da Uvigo sábese que este anaco de historia foi fabricado nun taller oleiro de África, concretamente da zona norte. Se usaría, probablemente, “para transportar viño africano como demostra o interior resinado que aínda conserva”.

O importante deste achado é que representa a primeira ánfora deste tipo saída de África e localizada na Galiza. Aliás, reforza a idea de que Cortegada era un punto importante para o imperio romano e mesmo se fala dun naufraxio alí.

“Cabe destacar que a identificación nestes casos adoita ser difícil, non tanto á hora de determinar a tipoloxía, senón máis ben o seu lugar de produción, dado que a pasta cerámica da que están feitas adoita ser moi modificada tras pasar séculos mergulladas no océano”, explicaron as mesmas fontes.

Comentarios