Antonia Alarcón, Ferrol e a formación da clase obreira galega

210 anos das grandes protestas no Arsenal
OLYMPUS DIGITAL CAMERA
photo_camera Antiga porta do estaleiro do Arsenal de Ferrol. Foto: Alexandre Pérez Vigo.

Os retrasos no pagamento do salario aos traballadores do Arsenal de Ferrol eran norma durante a segunda metade do século XVIII e inicios do XIX. Non poucos motíns, algún xa con entidade de folga obreira, foron a consecuencia. O 10 de febreiro de 1810 sucedeu un dos máis sonados, finalizado cunha salvaxe represión e a execución de Antonia Alarcón, unha das cabezas visíbeis da revolta.

O exército, responsábel do Arsenal, adebedaba catro meses aos operarios. O contexto, a guerra contra o francés. Aquela xornada amencera cunha concentración de mulleres diante das portas do complexo militar. "A iso das dez da mañá unha porción de mulleres que representaban o máis desprezábel da sociedade reuniuse tumultuosamente á porta do arsenal do dique", narrou en 1859 o historiador reaccionario Montero y Arústegui na primeira mención documentada dos feitos.

Os traballadores ven a manifestación e decláranse en folga. E unha parte da milicia solidarízase. Os militares intentan negociar e prometen pagar dúas das catro mensualidades, pero non se concreta. As mulleres derruban as portas da factoría e chegan ás dependencias do xeneral José de Vargas, xefe do lugar. Presiónano e é axustizado. De alí marchan á zona da Graña, onde fondeaba unha goleta, da que se rumoreaba contiña cartos. Non era certo. Regresan ao Arsenal e saquéano: queixo, viño, galletas... O investigador Moncho Ermida, que estudou os sucesos á luz das teses do historiador marxista inglés Edward Palmer Thompson, explica a Nós Diario que non quedaron co botín. "É a economía moral da multitude de Thompson", di. Refírese a certo sentido común das clases subalternas que antepón o benestar colectivo ao beneficio persoal.

A folga de 1810 rematou cunha represión feroz dirixida polo comandante xeral Francisco Vázquez Mondragón. A Antonia Alarcón, dona dun carpinteiro naval, acúsana da morte de De Vargas e é condénana a morte cunha sádica precisión: a súa cabeza separarase do corpo e será exhibida na entrada do Arsenal ferrolán durante meses. "Por seguir a Thompson, o de Ferrol é un acontecemento chave na formación da clase obreira galega", conclúe Hermida, "cuxo movemento comezou antes do que pensamos".

Comentarios