Só en papel #Sermos231

Andeiro, o diplomático que trunfou en Portugal

Deulle entrada na Coruña ao rei de Portugal e intentou coa familia Castro trazar unha alianza anglo-luso-galaica fronte aos Trastámara. Logo, refuxiado no país luso, rematou converténdose nun dos grandes diplomáticos na Europa da Guerra dos 100 Anos. É Xoán Fernández de Andeiro, que protagoniza unha ampla reportaxe no Sermos Galiza 231, xa á venda nos quiosques e na loxa. Eis un extracto da peza.

En Portugal Xoán Fernández de Andeiro representa practicamente o mal personificado. E na Galiza, onde naceu en 1320, é aínda un completo descoñecido. Segundo escribe o historiador Anselmo López Carreira en O reino medieval de Galicia, "Andeiro era representante paradigmático do sector aristocrático adherido á opción atlantista de Galiza, coa ollada posta en Portugal e Inglaterra, e estaba chamado a desempeñar un papel protagonista na alianza anglo-luso-galaica que culminaría en 1386 co desembarco do duque de Lancaster en Galiza". O seu obxectivo, en palabras de Carreira, era "artellar unha alianza sólida entre estes dous reinos que facilitase a intervención en Galiza, prevendo o protagonismo militar inglés".

2Hai moito escrito sobre este personaxe en Portugal, pero moito menos da súa actividade na Galiza. A primeira noticia que temos del é de cando lle abre as portas da cidade da Coruña ao rei portugués Fernando I o Formoso. Falamos do ano 1369, cando os lexitimistas galegos capitaneados por Fernando Ruíz de Castro lle ofrecen a coroa de Galiza ao rei portugués ao se opoñeren a Henrique II de Trastámara. Fernando I entra na Galiza nunha expedición moi fácil -"vanlle abrindo as portas en todas partes", explica López Carreira- e na Coruña ábrenselle as portas da muralla e sae unha chea de xente, polo que os portugueses cren que é un ataque. Pero aparece Andeiro -descrito nas crónicas portuguesas como o gran señor da cidade- para saudar o rei de Portugal.

O de Cambre era un dos líderes, xunto con Álvaro Pérez de Castro e Nuño Freire de Andrade, do alzamento de Galiza en favor do rei portugués, que foi aclamado en todas as partes como señor de Galiza. Primeiro Tui e Salvaterra, logo Baiona e Redondela. Logo Ourense, Santiago e, por fin, A Coruña, segundo relata Emilio González en La insumisión gallega.

[Podes ler a reportaxe íntegra no semanario Sermos Galiza 231, á venda nos quiosques e na loxa online]

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios