ESTE DOMINGO, X EDICIóN DA MARCHA áS MINAS DA SILVAROSA

Unha andaina para reivindicar a mina que foi na Galiza 'a pequena Moscova'

Unha marcha a pé de 13 quilómetros pedirá este domingo en Viveiro recuperar a memoria das Minas da Silvarosa, enclave operario da Mariña que deixou pegada histórica, social e cultural na comarca e onde decorreu unha das primeiras greves do noso país (1898). “É unha memoria que non deberiamos deixar perder”, aponta Xesús Oca.

Mina silvarosa

As Minas da Silvarosa (en Viveiro) comezaron a funcionar en 1892, sendo unha explotación primeiro a ceo aberto e despois baixo terra na que sustraer ferro que, en grande medida, era exportado a Gran Bretaña. Até 500 mineiros chegaron a traballar alí nos anos máis boiantes. Era un xacemento en torno ao que pivotaban até 50 profesións diferentes, segundo se recolle nos propios estatutos da mina, de dinamiteiro a químicos, pasando por cargadores, taxistas e médicos.

“Empezou a funcionar en 1892 e no 1898 xa houbo unha greve, unha das primeiras que se coñeza” no país, cóntanos Xesús Oca, da Asociación Cultural e Deportiva 'Minas da Silvarosa'. 'Xuxo' (que é como se coñeze os Xesús en Vieiro, parroquia de Viveiro a carón das minas) fala con paixón do que é moito máis que un emprazamento xeolóxico. “Queremos poñer en valor a historia destas minas, e iso significa falar de historia, de cultura, de industria...”. Este domingo unha marcha partirá da Praza Pastor Díaz de Vieiro para percorrer a pé 13 quilómetros até as minas. Será a X edición dunha andaina na que en 2014 tomaron parte perto de 150 persoas. “Desta vez vannos acompañar parte do traxecto Toñito e Lolo, que foron mineiros alí”, informa Oca.

Foron as Minas da Silvarosa unha “facultade de conciencia operaria”, como as definira xa hai anos un historiador viveirense

A camiñata chegará por ver primeira até o 'Polvorín dos Alemáns', onde a asociación defende que se instale un miradoiro. Un elemento máis para formar parte dun proxecto máis amplo de recuperación da memoria histórica, social e industrial ligada á Silvarosa. “Gostariamos de ter un museo na Escola dos Indianos, en Vieiro, e recuperar a boca dunha mina para que poida ser visitábel”, defende Xesús Oca.

'A Pequena Moscova' e 'A Rusia chica'

Foron as Minas da Silvarosa unha “facultade de conciencia operaria”, como as definira xa hai anos un historiador viveirense. Oca confírmao, a Silvarosa era coñecida como 'A pequena Moscova' e a parroquia de Vieiro como 'A Rusia Chica' por mor da elevada filiación e simpatía coa esquerda. “Era unha zona onde había presenza da CNT, anarquista, mais sobre todo era unha zona moi comunista”, constata. No devalar da conversa engade máis adiante o Partido Galeguista, se ben cunha menor incidencia nesta zona de Viveiro, concello que tivo alcalde nacionalista na II República.

Os galegos, no máis baixo do escalafón

Nas Minas da Silvarosa os propietarios eran alemáns, lembra Oca, “os xefes intermedios, vascos”, os encarregados, “asturianos ou da zona baixa de Lugo, que eran os que tiñan experiencia nestas cousas”, e os mineiros procedían de diferentes partes da Galiza. Até medio milleiro de operarios traballaron á vez nestas minas. Un labor duro que implicaba un deber forte para cos teus compañeiros. Algo que tivo reflexo en aspectos como a sindicalización ou o compromiso político.

Os 'escapados'

Chegou xullo do 36 e o alzamento fascista. Os mineiros da Silvarosa apresuráronse a marchar, armados de dinamita e algúns fusís, cara A Coruña e Lugo para combater os alzados, como salienta Xesús Oca. Mais frénanos. “Dinlles que nesas cidades está todo controlado e que volvan para casa”. Volven, mais cando chegan a Viveiro a vila da Mariña está tomada polos fascistas. “Acordan entón ir ao sitio que coñecen, a mina”, prosegue relatando Oca. De camiño, paran e fan unha asemblea no Muiño do Roxo, en Vieiro. “Alí deciden ocultar as armas”, algo que fan nunha área próxima a Borralleiros.

Comeza axiña a época dos 'escapados' (como lles din nesa zona aos fuxidos). Algúns deles agochados en 'zulos' - sobre algún destes tobos hoxe en día hai baños de casas de turismo rural, como a do Areal, en Viveiro-. Outros a ser acobillados e protexidos pola veciñanza nas aldeas da 'Rusia Chica', como Borralleiros. O destino de grande parte dos mineiros da Silvarosa foi, como salienta Oca, “andar de escapados ou marchar para Asturias”. Houbo tamén outros destinos: campos de concentración, como no caso dun case neno Pepe de Pardo, de Borralleiros, filiado da UGT. Tamén houbo mineiros que participaron nunha fuga en barco desde a praia de Area. Tamén houbo quen reaxiu. Como cando mineiros lle meteron dinamita á Igrexa parroquial de Vieiro. “Se te fixas ben, aínda se nota unha pequena fenda daquela”, di Oca.

A andaina deste domingo sumará convivio, lecer e reivindicación da memoria, unha iniciativa que percorrrá algúns dos puntos máis fermosos da contorna.

Comentarios