O anarquista de Vilaxoán que asesorou a biblioteca do Congreso dos EUA

Era carpinteiro de ribeira arousán e García Durán, como era coñecido, non era o seu verdadeiro nome. Cúmprense neste 2016 os 30 anos do seu pasamento en Alicante. Afiliado á CNT desde ben novo, foi condenado a morte 2 veces. Logrou fugarse das prisións franquistas e fuxir ao estranxeiro grazas aos seus amigos abertzales, portando o seu exilio por varios países. 

Vilaxoán de Arousa Imaxe-Touporroutou
photo_camera Vilaxoán de Arousa, a principios do século XX. Imaxe: Touporroutou

“Tres cousas ten Vilaxoán que non as ten calquera: a Coral, o San Martín e o campión Pantera”. Orgullosa de si propia como só saben estalo as vilas de tradición mariñeira, Vilaxoán ten ben claras as súas bandeiras: o bo cantar, o seu equipo de fútbol e Pantera Rodríguez, o boxeador local que entre outras fazañas, non sempre no ring, proclamouse en 1978 campión europeo dos pesos pesados. Podería ondear Vilaxoán máis bandeiras, como a de ser a vila onde tivo lugar a primeira reunión de dirixentes da guerrilla galega. Foi en 1942, na casa de Armando Cotarelo Valledor e 11 mandos acudiron á cita desde diferentes partes de Galiza, segundo deixou escrito Gonzalo Bouza Brey.

Entre esas bandeiras que agardan ser izadas en Vilaxoán está a de Juan García Durán. En realidade, nen sequer se chamaba así senón Luis Costa García. Cambiou de nome a raíz dun enfrontamento con esquirois no porto de Vilagarcía. Carpinteiro de ribeira, anarquista, mestre en fugas, exiliado, historiador e bibliotecario. Non hai moitos no Estado español que poidan presumir de ser nomeados asesor histórico da Biblioteca do Congreso dos Estados Unidos de América. El si.

garcia duranEste ano cúmprese o 30 aniversario do seu falecemento, en Alicante, onde foi dar após décadas dun exilio que lle obrigou a percorrer diferentes países. Mais, como descobreu o propio Castelao o día que fixo chorar en West Virginia (EUA) a un mineiro libertario de Celanova , os anarquistas tamén teñen unha Terra. As cinzas de García Durán foron aventadas no mar de Arousa.

Estivo presente, ben novo, no crucial congreso da CNT de 1936 en Zaragoza.

Con apenas 15 anos afiliouse ás Xuventudes Libertarias e á CNT de Vilagarcía. Palabras maiores. O sindicato anarquista tiña neste concello arousán 3.500 militantes, sendo este municipio o principal bastión libertario de Galiza en militancia tras os da Coruña e Vigo. Xa en 1890 hai constancia de presenza anarquista nesta vila arousán. O anarcosindicalismo foi en aumento desde comezos do XX e consolidándose a medida que a combatitividade do sector do mar ía a máis e se estendía polas rías do país a federación da industria pesqueira. A CNT era un músculo sen parangón no país: máis de 40.000 afiliados en 1936, boa parte deles nos portos mariñeiros.

É nese “tempo de entusiasmo”, como o cualificou o rianxeiro Rafael Dieste, no que actúa García Durán. En 1935 ten que marchar da Ría de Arousa destino A Coruña. Historiadores como Jesús García apontan que a mudanza veu motivada por un tiroteo cun esquirol durante unha greve. A distancia non afasta o vilaxoanés da comarca arousá, á que sigue ligado estreitamente: en 1936 estivo no histórico Congreso da CNT de Zaragoza representando os sindicatos vilagarciáns.

Fugouse dun hospital onde estaba ingresado polos disparos recibidos da policía. Foi detido e volveuse fugar, do cárcere de Yeserías, axudándolle abertzales a pasar de Euskadi a Francia

'O Fugas'

Ao pouco de retornar do cónclave de Zaragoza, alzamento fascista. Organiza Durán a fuxida por mar de numerosas persoas en barcos cara a Francia ou cara aos portos que permaneceran leais á república, según Bouza Brey. Detido, xulgado e nun primeiro momento condenado a morte, ingresa en prisión, onde permanece até o 1943, ano no que sae en liberdade. Sen perder tempo volve A Coruña, onde se mergulla de inmediato na loita clandestina e na reorganización da CNT. Pasa ser o secretario xeral da Confederación rexional de Galiza (CRG) da CNT e é nomeado delegado do sindicato anarquista na ANFD (Alianza nacional de forzas democráticas).

En 1946 volve ser detido, desta volta na Gran Vía de Madrid. Durante o arresto é ferido nunha perna polos disparos da policía, polo que é ingresado nun hospital. Aproveita a ocasión para se fugar mais axiña volve ser detido delatado por un confidente, e encarcerado. Nese mesmo operativo policial caen os irmáns Saco e Ramón Piñeiro, membros do Partido Galeguista. O cárcere non puido reter o vilaxoanés moito tempo: en 1949 fúgase da prisión de Yeserías. Coa axuda das redes abertzales [trabara amizade con nacionalistas vascos na AFND] pasa nun pesqueiro de Euskadi a Francia.

Defende “apaixonadamente” a lingua galega e a personalidade diferenciada de Galiza. Algo que reiteran historiadores como Dionisio Pereira e Eliseo Fernández

En Francia non parou moito tempo. Colleu maleta e marchou para Australia, onde casou cunha cónsul francesa e mantivo contactos con exiliados galegos e españois. O seu periplo non remataba nas latitudes de Oceanía e a finais dos 50 García Durán xa andaba por Detroit (EUA), onde estudou biblioteconomía e colaborou con diversos medios de esquerdas. A súa seguinte parada foi en Uruguai, alí impartiu un curso de literatura e idioma galego na universidade, en 1964. Mais a finais desa década xa estaba de volta en EUA, desta vez en Houston (Texas).

Foi nomeado asesor histórico da Biblioteca do Congreso dos Estados Unidos e foi bibliotecario en varias universidades texanas. Un recoñecemento que gañou grazas aos seus coñecementos, estudos e libros sobre a guerra civil. Traballos como 'Por la libertad. Como se lucha en España' (1956, traducida ao galego posteriormente como 'Pola liberdade. A loita anti-franquista de Luis Costa e editada por A Nosa Terra). Os historiadores Dionisio Pereira e Eliseo Fernández destacan a “apaixonada defensa” que o vilaxoanés fixo nesta e noutras obras da “lingua e personalidade de Galiza”, algo que nunca veu contraditorio co seu anarquismo. Na loita clandestina contra o franquismo mantivo contacto e relación con nacionalistas galegos.

Doutorouse na Sorbona, París, en 1975 cunha tese sobre a intervención estranxeira na guerra civil española. Verdadeiro especialista no tema, deu conferencias en Estados Unidos, Canadá, Francia... Tocoulle a lotaría e destinou os cartos a crear un premio para promover obras que tratasen sobre ese conflito.

Cúmprense neste 2016 os 30 anos do seu pasamento en Alicante, a 1.072 quilómetros de Vilaxoán, vila orgullosa de si propia como só saben estalo as vilas mariñeiras.

Comentarios