Ana Pedrouzo, mestra: "Se non hai vínculos co patrimonio, calquera veciño pode facer un merendeiro cunha mámoa"

O patrimonio pode servir para chamar a atención do alumnado sobre os tesouros que ten na súa contorna. Ana Pedrouzo Fariña, natural de Lalín e estudante de último curso do grao de Educación Primaria na USC, puxo en práctica esta idea na escola de Cea redescubrindo, a partir dun traballo de investigación que fixeron as rapazas e os rapaces de sexto de primario, os sucesos acontecidos en 1909 no mosteiro de Oseira. 
A impulsora da iniciativa, Ana Pedrouzo Fariña (Nós Diario)
photo_camera A impulsora da iniciativa, Ana Pedrouzo Fariña (Foto: Nós Diario)

Como se propuxo un traballo sobre os sucesos de Oseira na escola?

Unha das materias optativas do Grao de Mestra de Educación trata de educación patrimonial, algo que non existe na práctica nas escolas e bótase en falta. Máis aquí na Galiza. Como traballo de fin dos meus estudos decidín tratar os patrimonios en conflito, en concreto o caso do Pazo de Meirás. Penso que hai que crear no alumnado un vínculo, e se é de primaria máis, pois sen emoción non hai nada. 

Tocoume a escola de Cea e o meu titor comentoume que había unhas coplas de cego sobre a historia do baldaquino de Oseira. Mudei toda a programación que pensaba dar ao instante. Primeiro tratamos o século XX co Pazo de Meirás e despois propúxenlles que iniciasen un proxecto de investigación sobre ese tema do mosteiro de Oseira. O máis bonito foi que aprendemos xuntos, o alumnado máis eu.

Como se realizou?

Publicamos unha web con todos os recursos que fixemos e que atopamos. Había noticias, mesmo de Nós Diario, sobre o tema. Todo o alumnado era de Cea e só dous oíran falar desta cuestión. A maior parte nin visitara o mosteiro! Comentábanme que igual tería problemas e se sabía onde me estaba metendo. Eu non teño medo a ningún tipo de represalias. No propio mosteiro había libros publicados que daban testemuña algo diferente, que se tentaban quitar culpas. 

O alumnado fixo entrevistas e creou un programa de radio. Eu non quería influír e decidiron eles e elas, eu actuei de guía. Mesmo contactaron cunha muller que traballa no concello porque o seu bisavó foi un dos que levou a muller embarazada que morreu ás costas mentres lle disparaban. Tamén fixeron un vídeo resumindo o que aconteceu. 

Quixemos facer unha placa en madeira para poñela no centro e a directora propuxo un material que considera mellor. Quedará constancia no edificio de secundaria para que, cando o alumnado o vexa, teña continuidade. 

Alumnas e alumnos desprazáronse até o mosteiro e fixeron fotografías dos impactos dos disparos na pedra e dos anacos restaurados do baldaquino. Queriamos que non se perdera esa historia que foi considerada como unha das matanzas de civís máis importantes na Galiza no século XX en tempos de paz. E que non apareza reflectido en ningures...

Cal é a razón de que se descoñeza o noso patrimonio nas escolas?  

Eu bótolle a culpa ás editoriais. Son empresas que deseñan as unidades didácticas e son xerais para toda Galiza. Se queres traballar algo en concreto tes que crear o teu propio material. Foi o meu caso, que viña coa idea do Pazo de Meirás, pero o que tiñan máis perto era a historia do acontecido co baldaquino. Dá traballo, é certo, mais os resultados son espectaculares e en pouco tempo. 

Outra das razóns do seu descoñecemento, neste caso en concreto, foi que sucedeu en 1909 e polo medio houbo unha guerra civil e imperaba o silencio... E o de non meterse coa Igrexa. Acontece o mesmo con outros sucesos históricos como foi a guerra da independencia, que se trata con elementos de fóra. 

No caso do Pazo de Meirás involucráronse ao ver que era próximo e estaba mesmo en conflito hoxe en día. Fixemos mesmo asembleas. Son moi maduras e maduros para tomar certo tipo de decisións. Hai que facelos partícipes do que pasa. Creo que suceden abondo cousas como para ter que irmos a lugares afastados. 

Se non creas vínculos co patrimonio, se non os hai, pasan cousas como que un veciño faga un merendeiro nunha mámoa, como xa ten acontecido.

Comentarios