BERNARDO MÁIZ, HISTORIADOR

“Amada García foi unha vítima máis, que chega a mito polo dramatismo das circunstancias”

Bernardo Máiz vén de presentar nun acto multitudinario en Ferrol Amada García e os seus arredores (Edicións Embora), o libro de 460 páxinas que conta a historia dunha muller comunista que chegou a converterse nun mito (de pobre muller para uns e de heroína para outros) logo de ser condenada a morte pouco despois de dar a luz un neno. 

bernardo
photo_camera Bernardo Máiz

- Amada García é o fío condutor do libro que vés de publicar. Por que a elixes a ela? Porque é a vítima máis simbólica da represión en Ferrolterra?
- Non, porque é a vítima máis simbólica da represión contra as mulleres. 

- E esa é a razón pola que te pós a investigar sobre a súa figura?
- Hai máis razóns, de moitos tipos. En primeiro lugar eu crieime ouvindo a historia da García, “pobriña ella, que sólo bordó una bandera”, e intrigoume. Logo, como historiador, empecei a escarabellar, ata que me din de conta que era unha historia moito máis complexa do que se dicía e que había que escribila, claro. 

Falamos dunha muller que forma parte dunha xeración que se afixeran a unha cultura democrática e a exercer a liberdade, e a ter actitude pública de compromiso social.

- Tamén dis que había moito de ficción nesta historia e que no libro vas só aos datos. 
- A historia é moi complexa. Ferrolterra é un territorio moi ligado á esquerda historicamente. Os únicos alcaldes do PCE -o máis radical naquel momento- que había en Galiza eran o de Pontevedra e o de Mugardos. Isto é moi significativo, ao igual que das 86 mulleres que se cargaron en Galiza do 36 ao 39, 27 foi na área de Ferrolterra. E a filiación sindical feminina era máis elevada nesta comarca que no resto do país. O título do libro é ‘Amada García e os seus arredores’ precisamente porque non é unha heroína illada ou unha vítima illada, ela forma parte dun contexto histórico. Hai un capítulo que se titula ‘Do mito á realidade’. De Amadita a Amada. Amadita é a pobre muller que nada se fixera e que, a pesar de todo, a mataron. Aínda estes días me contaron dúas veciñas que de pequenas lle rezaban a unha fotografía de Amadita. 

portada-amada- Arre demo.
- Elas estaban convencidas de que era unha santa. Foise creando arredor dela un mito, e a xente dicía que o único que fixera fora bordar unha bandeira. E resulta que non bordou tal bandeira, porque non sabía bordar. A outra versión que se crea é a de heroína que mesmo arenga ao pelotón de fusilamento, que tamén é mentira. Eu intentei dilucidar o que había de verdade e de fantasía. E para iso tiña que presentar o marco no que ela se movía. En Ferrol, ten en conta, que había unha agrupación de mulleres socialistas, e só había dúas en España. Ou que unha das mulleres que mataron era a presidenta do sindicato de descargadoras do peirao. E en Mugardos había un centro republicano, un ateneo libertario con moitísimas actividades, e unha Irmandade Nazonalista de Franza (O Seixo), que tiña vintetantos afiliados. E o potentisimo movemento sindical arredor dos asteleiros. Todos estes elementos conflúen en que a república, sobre todo entre a xente máis nova, fora acollida como un tempo de esperanza, como di Dieste. E Amada é unha muller normal, casada cun traballador moi concienciado, filla dun anticlerical, e medra nese ambiente. E a partir do 34 empeza a aparecer publicamente desde compoñendo coplas de Entroido en contra da dereita, está afiliada á Asociación de Mujeres contra la Guerra y el Fascio, e a Mugardos chegaba un mensuario feminista da CNT chamado Mujeres libres. Pero fóra do dereito de voto, as mulleres conseguiran pouco: só había unha directora xeral e eu dei só con 18 concelleiras en Galiza nada máis. Amada acompañando no escenario do Jofre á Pasionaria nun mitin o 2 de xaneiro do 36, até despois protagonizando 3 mítins máis. E falei con xente que asistiu a estes mítins que destacan a súa forza, dicindo que era moi pequeniña pero enchía o palco ela soa. E formaba parte da candidatura das eleccións municipais que non chegou a haber en maio do 36. Aparece na prensa que formaba parte dunha candidatura no posto terceiro ou cuarto. 

Amada é unha muller normal, casada cun traballador moi concienciado, filla dun anticlerical, e medra nese ambiente.

- E como remata a historia?
- Hai un capítulo, utilizando unha frase de Castelao, que se chama ‘Valía máis Ferrol que todo Asturias’, o que significa que o potencial militar que había en Ferrol era moi grande. E é o único lugar onde lle custou máis gañar, non en tempo pero si en dureza, tomar o poder militarmente. Houbo máis mortos neses primeiros días e onde empezan as execucións rapidamente e onde o número porcentual e relativo de mortos é o máis elevado de toda Galiza. Dunhas cinco mil e pico persoas asasinadas, en Ferrol chegamos ás 1.500. E de 86 mulleres, 27 foron na área de Ferrol.

- Como foi o seu caso?
- Amada de entrada vai de arresto domiciliario en Mugardos, coma moita outra xente, córtanlle o pelo ao cero, é sometida a traballos forzosos até que en abril do 37 préndena, ao marido tamén, pero el sae pronto. Entra no cárcere de mulleres, está embarazada e ten o neno en outubro. É levada a un consello de guerra con outras sesenta e tantas persoas o 1 e 2 de decembro e condéana a morte o 24. Finalmente a clemencia do caudillo leva a que lle conmuten a condena a 16, e a ela non, e é imputada o 17 de xaneiro do 38. 

Das 86 mulleres que se cargaron en Galiza do 36 ao 39, 27 foi na área de Ferrolterra. E a filiación sindical feminina era máis elevada nesta comarca que no resto do país.

- Que pasa co neno?
- Ela ten o neno estando presa. Esa versión de pobre muller mesmo chegou a dicir que agardaron a que tivera o neno pola política natalista do franquismo. Finalmente o día 26 de xaneiro hai un garda civil piadoso que avisa á familia, ela era de orixe moi humilde, filla dun mariñeiro e dunha redeira. Cruzan até San Felipe a remo, vai o pai, o marido e unha irmá. Déixana estar con ela un pouco e cando volven a Mugardos escoitan os estouridos. E aí hai máis mitos: “pobriña que se desmayó antes de que los soldados disparasen y los soldados no querían hacerlo”. O outro mito é todo o contrario: “soldados, no os preocupéis, disparad sin miedo, etc. etc.” E tiven a sorte de poder recoller información dun soldado que non disparou, estaba na reserva, e do médico militarizado. É verdade que na primeira descarga déronlle aos outros e a ela lixeiramente nunha perna, e o tenente mandou outra descarga e rematárona. E isto crea unha lenda enorme, creouse tamén unha similación co mito de Mariana Pineda, que tampouco bordara ningunha bandeira. Nos decretos iniciais que fixo a República, un deles era declarara o día de Mariana Pineda nas escolas como heroína da liberdade. Entón o mito era coñecido.

- Hai un fillo que aínda vive, non?
- Non, morreu hai uns meses. O fillo é un home co que tiven unha grande amizade. Un fillo case póstumo. Empezou a traballar no arsenal e era tratado con moito respecto porque era o fillo de Amada. E ten unha filla maior, que é monxa, ten noventa e tantos anos. O marido dela, Gabriel Toimil, deixalle á súa familia á nena, que tiña 7 anos, e o neno déixallo aos avós maternos, que abandonan Mugardos e se establecen en Ferrol. O pai desentendeuse dos nenos, aínda que lles enviaba algún diñeiro. A este home trasladárono ao arsenal de Cartaxena e chegou ao máximo na súa categoría. Volveu a finais dos 90, eu falei con el. Acabou co fillo coma o rosario da aurora e finalmente foise a un centro da terceira idade de Bergondo. Cando xurdía o tema do fillo poñíase nerviosísimo.

Nas vilas a venganza dos sectores tradicionalmente no poder, a vinganza cara os de abaixo foi tremenda.

- Supoño que nos arquivos consultados tes visto de todo respecto da represión e de como esta influiu na vida da xente. 
- Nas vilas a venganza dos sectores tradicionalmente no poder, a vinganza cara os de abaixo foi tremenda. Curiosamente non sucedeu así nas aldeas. Eu comprobei como no Seixo (Mugardos) ou en Cervás (en Ares), a xente de dereitas protexía aos propios. Había xente que cambiaban as declaracións cando sabían as represalias que lle caían á xente. E noutros casos, ao contrario. Hai un problema de clasismo e de sexismo. Mulleres que din “pero esta chica qué se creía, la hija de un pescador y de Petronila iba a ser concejala, pero por dios”. No caso das declaracións dos homes, consciente ou inconscientemente, hai sexismo. 

- Por que foi o seu caso tan simbólico? Polas circunstancias, por estar embarazada?
- Claro. Porque foi tardío, non foi asasinada nos primeiros meses. Foi o 27 de xaneiro do 38. O 50% dos mortos foron nos primeiros meses despois do alzamento. Un 30% no 37 e logo diminuiu moito nos anos seguintes. Con ela mataron outros 7, entre eles ían matar a outra muller, Elena Leira. Pero a súa familia conseguiu mercar o tribunal de apelación e 10 anos despois estaba na casa. As dúas foran sometidas a cortes de pelo, a traballos forzados, a humillacións públicas. 

Hai un momento nos anos 40, imitando os heroes soviéticos que con 11 anos mataron centos de nazis, aquí fanlle o mesmo a Amada, mitificándoa como heroe comunista. Había que inventar heroes.

- Rematara o curto periodo de tempo de liberdade para as mulleres.
- Si, xa o dicía un falanxista: “unas fueron pasadas por las armas y otras fueron obligadas a fregar suelos otra vez”. Eu insisto moito en que aquí non houbo guerra, houbo unha matanza contra os defensores da orde lexítima. E en lugares como Ferrol, se pensas que só nun buque de guerra se cargaron a 100 xa che saen unhas cifras descomunais. O 24 xa se producen as primeiras execucións irregulares en Pontedeume. Un deles, o alcalde de Mugardos. E logo desencadéase unha auténtica matanza. 

- Como definirías a figura de Amada García?
- Ela foi unha vítima máis, que chega á categoría de mito polo especial dramatismo das circunstancias: unha nai que deixa dous orfos. Hai un momento nos anos 40, imitando os heroes soviéticos que con 11 anos mataron centos de nazis, aquí fanlle o mesmo a Amada, mitificándoa como heroe comunista. Había que inventar heroes, entón Amada caeu nesa categoría. Ten unha traxectoria social e política valiosísima. Falamos dunha muller que forma parte dunha xeración que nos cinco anos de República se afixeran a unha cultura democrática e a exercer a liberdade, e a ter actitude pública de compromiso social. Era a capa que tiña a misión de dirixir politicamente o noso país. E que foi decapitada, nunca mellor dito.

Comentarios