Alberto Oubiña: "O traballo do exilio pola lingua non pode quedar esquecido"

Alberto Oubiña, concelleiro de Normalización Lingüística en Pontevedra, conversa con 'Nós Diario' a redor do novo coleccionábel deste xornal sobre as voces galegas no exilio, que conta co apoio da súa área. Oubiña pon en valor a contribución de todos os homes e mulleres que "deron a vida pola lingua e a cultura do país".
Alberto Oubiña, concelleiro de Nomalización Lingüística en Pontevedra. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Alberto Oubiña, concelleiro de Nomalización Lingüística en Pontevedra. (Foto: Nós Diario).
—Con que obxectivo impulsa o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra o coleccionábel A cultura galega volve do exilio?

O obxectivo principal co que impulsamos este coleccionábel é dar a coñecer a figura de grandes autores e autoras en galego. Cada ano as Letras Galegas adícanse a un autor ou autora; normalmente autor, malia que agardamos que vaia mudando isto, e con estes cadernos queremos axudar a visibilizar estes persoeiros tan importantes e achegalos a todas as persoas lectoras de Nós Diario. Logo tamén tentaremos facerllos chegar aos centros de ensino para que poidan traballar con eles.

Este coleccionábel está redactado por persoas expertas da talla de Miguel Anxo Seixas, Arancha Estévez, Xan Carballa, Montse Fajardo... Son documentos formativos que tamén serven para socializar as nosas letras. Sempre que traballamos nalgunha proposta semellante con Nós Diario tivemos resultados positivos.

—Dicía que a idea é darlle continuidade ao coleccionábel.

Intentamos sempre que todas as nosas actividades cheguen ao sector máis amplo de poboación posíbel. Procuramos facer actividades que fomenten que cada vez máis persoas coñezan a lingua galega e dean o paso de comezar falalo, que sempre é algo moi positivo, nunha cidade na que por determinadas circunstancias hai moita xente castelánfalante. E, nese sentido, penso que este coleccionábel vai contribuír a dignificar aínda máis a lingua.

—Nestas páxinas falarase de Castelao, Seoane, Virxinia Pereira... Cal diría que foi a contribución que todas estas persoas fixeron desde o exilio á Galiza de hoxe?

Son persoas que traballaron toda a súa vida por dignificar a lingua, e de feito tanto a dedicaron que tiveron que marchar. Deron a vida pola Galiza, pola cultura e pola lingua; algúns deles literalmente, porque os mataron. Os exiliados acabaron morrendo fóra do país e ese traballo que eles fixeron non pode quedar en balde, ten que ser a semente que nos permita vencer no futuro.

—Mencionou a escasa visibilidade das mulleres escritoras no Día das Letras. Acontece algo semellante coas persoas exiliadas?

Xa non é só unha cuestión da lingua e a cultura da Galiza, senón da sociedade. Parece que o que fan as mulleres non é tan relevante como o que fan os homes, e creo que o coleccionábel pon de manifesto que isto non é así. As mulleres teñen feito tanto, ou moitísimo máis pola nosa cultura e a nosa lingua. Desde a área de Patrimonio do Concello de Pontevedra puxemos en marcha un programa de memoria das mulleres no que tratamos de visibilizar todas esas mulleres que foron o sostén da sociedade galega e que a día de hoxe merecen estar en primeira plana e seren recordadas e homenaxeadas todos os días do ano.

E, sobre o Día das Letras, hai uns anos xa nos sumamos á campaña pola elección de Xela Arias. Non é normal que logo de varios séculos de literatura en galego, e de 60 anos de celebración das Letras, pareza que destacaron só seis ou sete mulleres. Non se corresponde coa realidade.

En galego, todo ano, "non só o 17 de maio"

De cara ao Día das Letras Galegas, o edil Alberto Oubiña explica que o Concello de Pontevedra traballa nunha "ampla" programación que se estenderá ao longo de maio e de todo o ano. "O noso obxectivo é que a lingua estea presente o 17 de maio, mais tamén o resto do ano", subliña. Un dos eventos máis salientábeis será no Día das Letras e terá como protagonista o órgano centenario do convento de Santa Clara: "O día 17 volverá funcionar". Unha estrea que correrá a conta da Orquestra Clásica de Vigo.

A programación deste ano principiará esta cuarta feira na Alameda, cunha nova edición do Correlingua. Aliás, ao longo de todo o mes o certame literario 'Bótalle un conto!' percorrerá as parroquias para que toda a rapazada pontevedresa poida participar deste concurso de contos orais.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios