O colectivo Capitán Gosende homenaxeará mañá o militante socialista

A "agra fértil" do Campo das Laudas de Cerdedo lembra a figura de Xosé Cortizo

O chamado Campo das Laudas conta xa con nove destes monumentos de pedra: o dedicado a Xosé Cortizo González será o décimo.
O Campo das Laudas, en Cerdedo-Cotobade, foi inaugurado no ano 2016.
photo_camera O Campo das Laudas, en Cerdedo-Cotobade, foi inaugurado no ano 2016.

Xosé Cortizo González, carpinteiro e militante socialista de Barro de Arén, foi asasinado polos fascistas, en Pontevedra, o 11 de agosto de 1936. A súa memoria perderíase coa doutras moitas vítimas se non fose polo traballo do colectivo Capitán Gosende de Cerdedo-Cotobade, que a recuperará do esquecemento, este domingo día 11, no memorial de pedra que desde 2016 busca facer xustiza, de maneira simbólica, aos asasinados, detidos e perseguidos por defender os valores democráticos e a legalidade da República. 

Nun prado das Raposeiras,  moi perto do pazo do mesmo nome, no lugar de Meilide (Cerdedo), o colectivo chanta laudas -as lápidas que se colocaban sobre as sepulturas, con imaxes e inscricións que aludían á vida e obra da persoa enterrada- que recuperan a historia das vítimas do franquismo. O chamado Campo das Laudas conta xa con nove destes monumentos de pedra: o dedicado a Xosé Cortizo González será o décimo. O domingo a mediodía, cando soan as campás, a lauda que lle devolve a dignidade, obra do escultor Marcos Escudero, pasará a formar parte deste lugar de memoria. 

Otero Espasandín 

Xosé Otero Espasandín foi o primeiro homenaxeado cunha destas laudas. Natural de Cerdedo, o poeta e científico foi mobilizado, tras o desastre de Annual, a Melilla, onde coincidiu con Rafael Dieste, Amado Villar e Xosé María Brea Segade, cos que mantivo unha longa relación de amizade. 

Otero Espasandín tería unha activa participación na vida cultural galega, publicando artigos en Galicia, Nós, El Pueblo Gallego, ou Faro de Vigo (cuxas páxinas literarias dirixía Amado Villar). En 1929, instalouse en Madrid para ampliar estudos, entrando en contacto cos círculos intelectuais galegos: Valle Inclán, Bal e Gay, Roberto Branco Torres, Euxenio Fernández Granell, Cándido Fernández Mazas, ou Eduardo e Rafael Dieste. Moitos deles acabarían fundando a revista PAN, que dirixiría o propio Otero. 

Xunto con Rafael Dieste, mergullouse no traballo das Misións Pedagóxicas, coas que percorreu todo o Estado, divulgando o coñecemento e a cultura por medio do cine, o teatro e os libros. 

Mais chegou xullo de 1936 e o rumbo da súa vida cambiou para sempre. Pasou vicisitudes e apuros que o levaron a Francia, a Inglaterra, á Arxentina e, finalmente, aos Estados Unidos. Mais non puido cumprir o seu desexo de volver á montaña de Cerdedo para descansar en paz.

 

Historias esquecidas

Outras historias agóchanse detrás de cada unha das laudas: por exemplo, a do canteiro e alcalde republicano Antonio Sueiro Cadavide (condenado ao ostracismo); ou a do xornalista e secretario do concello Francisco Varela Garrido Pancho, fusilado tras un xuízo farsa; a de Xosé Torres Paz, concelleiro republicano e oficial do concello de Cerdedo, asasinado por pistoleiros falanxistas; a de Martiño Ferreiro Álvarez, torturado até a morte no campo de exterminio nazi de Mauthausen...Desde o colectivo Capitán Gosende téñeno claro: o Campo das Laudas non é un cemiterio laico, é unha agra fértil onde facer realidade o prognóstico de Castelao: "Non enterran cadáveres; enterran semente".

A 'bondade e clemencia' dos tribunais fascistas

Unha das laudas eríxese "na memoria de Xosefa Rivas Touriño", nai de tres fusilados, sen que ela mesma apareza como executada. A clave está en que Xosefa foi suplicar clemencia á Audiencia. Os xuíces decidiron, "por ser viúva", darlle a elixir un dos tres nomes. A bondade dos xuíces consistía en deixar con vida un dos fillos e colocar sobre ela a carga de condenar os dous. Xosefa tivo a categoría moral de non escoller ningún.

 

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios