Afonso VII, o emperador

Cilia Torna recupera para Sermos Galiza máis un capítulo dentro da serie “A Galiza ignorada”, que divulga a nosa historia á marxe de visións estereotipadas. Con motivo do 907 aniversario da súa coroación, bota luz sobre o reinado de Afonso Raimúndez. Eis un extracto da información publicada no número 314 de Sermos Galiza. Xa na loxa.

Afonso VII.2

1O 17 de setembro de 1111 Afonso Raimúndez é coroado como rei de Galiza na Catedral de Santiago de Compostela, nunha cerimonia presidida polo arcebispo Xelmírez e impulsada polo conde Pedro Froilaz. A súa entronización abre o camiño a un longo reinado de máis de corenta anos que vivirá outro capítulo na cidade de León, onde será proclamado emperador en 1135, confirmando o papel hexemónico de Galiza no espazo cristián peninsular.

Significa o trunfo do proxecto político da oligarquía galega. As diferenzas entre a nobreza civil e eclesiástica, tan definitorias da orde feudal, non impediron que unha e outra, encabezadas por Diego Xelmírez e Pedro Froilaz, partillaran unha mesma alternativa, concretada na existencia dun reino de Galiza, dirixido por un monarca de orixe, formación e práctica galega, con vontade e autoridade para xogar un papel reitor no espazo cristián peninsular. A operación que levou a entronización de Afonso Raimúndez implica a recuperación da vella proposta dos poderes galegos –aparcada durante o reinado do seu avó, Afonso VI, tan contestado na Galiza–, cuxa concreción máis evidente foi a función dirixente xogada pola monarquía galega no ámbito ibérico. Ao fin, Afonso VII actuaría como un instrumento dos intereses da oligarquía galega, dándolle continuidade a esta proposta na figura do seu fillo Fernando II.

Biografía

Afonso VII naceu en Caldas de Reis o 1 de marzo de 1105. Fillo de Raimundo de Borgoña e da raíña Urraca, foi criado na Galiza, como xa acontecera coa súa nai, e era norma no conxunto dos herdeiros reais. A súa educación correrá a cargo de Pedro Froilaz, o conde Traba, titor do neno rei, valedor e principal promotor dos intereses do monarca, cabeza da nobreza galega e auténtico xefe do partido raimundista. O poderío desta familia fica testado nas súas relacións coa familia real, destacando entre eles o fillo do conde Fernando Pérez, persoa de máxima confianza de Afonso, titor e aio de Fernando II, esposo da raíña Tareixa de Portugal e responsábel máximo, segundo as fontes, da división dos reinos do emperador á súa morte, no que algúns autores queren ver a recuperación do vello proxecto de García con León anexionado a Galiza. Unha das súas fillas chegaría a casar co propio Fernando II e outra delas, froito do matrimonio con Tareixa, será irmá do rei portugués Afonso Henriques.

[Podes ler a información íntegra no número 314 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Máis en Información do Reino
Comentarios