Adeus General Mola, adeus Juan Canalejo

A Coruña di adeus a máis rúas con nomes franquistas. Hoxe terza feira a rúa General Mola pasará a chamarse Rúa Álvaro Cebreiro, con homenaxe ao artista incluída. E a quinta feira, retirarase tamén o nome da rúa Juan Canalejo. 

Hoxe terza feira ás 19 horas vaise tributar unha homenaxe ao debuxante coruñés Álvaro Cebreiro ao que asistirá a filla do artista, Pilar, o debuxante Siro López e outros persoeiros. Esta é a segunda rúa que cambia de nome, logo da praza Millán Astray, que xa se chama Praza das Atochas. Lembramos que o xeneral Mola foi un dos líderes do golpe de estado de 1936.

Tamén será substituída o nome da praza do xeneral Mola, pasando a recuperar o seu nome tradicional, Praza de Santo André. 

A quinta feira 3 de decembro a rúa Juan Canalejo perderá o nome do fundador da Falange na Coruña, pasando a chamarse rúa Socorro, tal e como se coñecía anteriormente. 

Documentario sobre os irmáns Mayo

Quinta feira, a partir das  20.30 h., haberá aínda un acto no  Fórum Metropolitano de homenaxe aos fotógrafos coruñeses  Julio e Paco Souza Fernández, tamén coñecidos polo nome de  "Hermanos Mayo". Este acto será presentado polo  concelleiro de Cultura e Deportes da Coruña,  Xosé Manuel Sande, e constará da proxección dun documental, da autoría do fotógrafo coruñés  Xurxo Lobato, quen participará no posterior debate xunto con Rubén Afonso, secretario da CRMH da Coruña.

Comentarios